lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Marín bonificará as taxas municipais aos locais pechados polas restricións

María Ramallo, alcaldesa de Marín. DP
María Ramallo, alcaldesa de Marín. DP

Reactívase a guía que permitirá consultar todos os locais que ofrecen comida para levar ou a domicilio

Ante o novo peche da hostalaría, que desde este mércores debe limitar a súa actividade á comida para levar e ao servizo a domicilio, o Concello de Marín reactiva desde este mércores a bonificación daquelas taxas municipais derivadas da súa actividade: a do lixo e a da auga, no que respecta ao canon. "Deste xeito, cando se pase ao cobro o primeiro trimestre do ano, bonificaremos aquelas semanas durante as que non sexa posible abrir a actividade", explicou a rexedora, María Ramallo, que asegura que esta medida se manterá namentres duran as medidas, "por se se amplían máis alá das tres semanas anunciadas até o momento".

Por outra banda, a alcaldesa recorda que a través da plataforma Marín en Rede, tanto nas redes sociais coma na web, reactivarase a Guía da Hostalaría Covid19, que permitirá a todos aqueles negocios que estean dados de alta actualizar os seus servizos de cara á cidadanía, que poderá consultar todos os locais que ofrecen comida para levar ou a domicilio nun só click: https://www.marinenrede.com/guia-covid-hostalaria/

O Concello recorda tamén que a Escola Municipal de Música comezará a ofrecer as súas clases de xeito telemático desde este mércores e até a fin das restricións e que na Finca de Briz, o Centro Terapéutico para as persoas con Alzheimer terá que pechar as súas portas polo menos ata o 18 de xaneiro.

TELETRABALLO. No que respecta ao traballo dos funcionarios municipais, Ramallo explica que xa se leva nestas últimas semanas "adiantando esta situación, facilitando o teletraballo en todos os casos nos que é preciso". Esa posibilidade seguirá agora vixente e se coordinará coa creación de quendas que poidan permitir a boa prestación dos servizos municipais pero mantendo as medidas para evitar posibles contaxios.

O Concello lémbralle á cidadanía a necesidade de priorizar a atención telemática sempre que sexa posible, a través da sede electrónica. En caso de que non sexa posible, será de obrigado cumprimento a cita previa.
 

Marín bonificará as taxas municipais aos locais pechados polas...
Comentarios