Marín conciénciase da importancia da eficiencia enerxética

O Concello organizou unha charla para dar a coñecer o aforro acadado na Avenida de Ourense coa instalación da tecnoloxía LED. Tamén se deron tips para aprender e aforrar enerxía no ámbito doméstico
María Ramallo. DP
photo_camera María Ramallo. DP

O Museo Manuel Torres acolleu este mércores pola tarde unha charla sobre eficiencia enerxética no ámbito público, centrándose na renovación das luminarias da Avenida de Ourense dentro da estratexia Marín Dusi, confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea; e no ámbito doméstico.

A alcaldesa, María Ramallo, encargouse de abrir o evento, facendo referencia á necesidade de perseguir, como Administración, “o coidado do medio ambiente e a procura de vilas máis sostibles, con máis calidade de vida”.

Ramallo fixo referencia a que "xa antes de acadar os fondos europeos da estratexia Marín Dusi, levamos a cabo actuacións encamiñadas a mellorar a nosa eficiencia enerxética no espazo público e así poder aforrar enerxía e facer un uso máis responsable da mesma", como por exemplo, algunhas actuacións no alumeado do Vial de Praias ou no rural, "como no núcleo de Malvido, recentemente".

Nos proxectos de Marín Dusi foi nos que se puido facer unha actuación integral de renovación. No caso da Avenida de Ourense, "renovamos un total de 90 puntos de luz, todos con tecnoloxía LED, o que nos permitiu acadar un aforro enerxético de máis do 26%". De feito, a alcaldesa lembrou que "só nesta renovación de luminarias investíronse case 265.400 euros". Tamén renovación de toda a iluminación do Paseo Alcalde Blanco traduciuse nun aforro enerxético de máis do 46% con respecto á instalación anterior.

Aforrar enerxía na casa

Pola súa banda, a responsable da Oficina do ARI Ibana Conte deu unha interesante charla pensada para ese eido doméstico, no que tamén podemos aforrar enerxía. A técnica fixo un repaso de como foi evolucionando a preocupación e as axudas públicas destinadas para particulares no que se refire á eficiencia enerxética nas casas desde que abriu a oficina, hai agora 10 anos.

Ibana Cante, durante a charla. DP
Ibana Conte, durante a charla. DP

Ademais, aportou algúns tips no uso de electrodomésticos e outros artículos nos nosos domicilios de cara a non desperdiciar enerxía, xa que moitas veces o exceso de consumo vén dunha mala utilización da calefacción ou doutros elementos.

Neste sentido, a rehabilitación das vivendas xoga un papel fundamental, xa que o illamento e as posibilidades dos novos materiais e de instalacións máis modernas permiten cumprir de maneira máis eficientes os estándares marcados pola Unión Europea.

Segundo explicou a técnica do ARI, a Sociedade de Tasación indica que unha vivenda de 50 anos incrementaría o seu valor un 25% de media tras ser rehabilitada. Por iso, Conte animou á veciñanza a estar pendente das axudas a nivel particular que impulsan as distintas administracións, tanto autonómicas como estatais e europeas.

Comentarios