Marín énchese de maxia co Concurso de Decoración de Nadal do Concello

Haberá 500 euros en premios para cada categoría, ademais dun sorteo de 100 euros entre os participantes
Decoración nunha das rúas de Marín. DP
photo_camera Decoración nunha das rúas de Marín. DP

O Nadal é tempo de ilusións, de maxia e de emocións. Aínda nestes momentos tan complicados que estamos a vivir, o Concello de Marín quere sacar o mellor de cada veciño e de cada familia para que a vila dea no seu conxunto unha imaxe de decoración navideña desde cada rincón.

Así, as Concellerías de Comercio, Festas e Cultura, teñen convocado o I Concurso de Decoración de Nadal, co obxecto de fomentar a participación cidadá no embelecemento e ornamentación da vila, facendo cómplices a comerciantes, hostalería e veciñanza da imaxe navideña de Marín.

Mediante este concurso preténdese promover a creatividade durante o Nadal na vila, potenciando o ambiente que debe reinar nas rúas nesta época do ano, especialmente neste momento tan duro que estamos a atravesar e no que precisamos sentir esperanza e ilusión polo futuro.

O certame está preparado para que poidan participar vivendas unifamiliares, comunidades de propietarios de edificios, a hostalería, o comercio e os negocios ubicados no termo municipal de Marín. Iso si, os interesados deberán estar inscritos e ter a decoración totalmente rematada o vindeiro venres día 11.

Para poder participar será necesario presentar a solicitude que se indica no Anexo I, que está dispoñible, co resto das bases do concurso, na páxina web do Concello. A decoración deberá estar exposta dende o 11 de decembro de 2020 ata o día 7 de xaneiro de 2021. Os adornos teñen que ser típicos de Nadal e a zona escollida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

En todas as categorías, seleccionaranse as dúas mellores propostas. Os primeiros premios serán de 300 euros cada un, e os segundos, de 200 cada un. A maiores, realizarase un sorteo de 100 euros entre todos os participantes (sen contar aos gañadores de cada categoría).

ORIXINALIDADE. Algúns dos criterios que se valorarán serán que os adornos conteñan motivos alusivos ás festas de Nadal, boa iluminación de tipo LED, orixinalidade e singularidade na proposta e, de xeito especial, valorarase que as decoracións utilicen material reciclado. O fallo do xurado coñecerase o luns día 28 de decembro de 2020 e será inapelable.

A primeira categoría do concurso está adicada ao comercio, valorándose en conxunto o mellor escaparate e interior de cada establecemento. A segura é a da hostalaría, sector no que se avaliará en conxunto a mellor entrada e interior de cada local, así como os ventanais.

Xa no apartado das vivendas, este divídese en tres categorías: comunidades de propietarios de edificios que decoren as entradas principais; decoración de ventás e balcóns de edificios, e vivendas unifamiliares, nas que poden engalanar a propia vivenda ou tamén os xardíns. En todos os casos, a decoración terá que ser totalmente visible dende a vía pública.

A data máxima establecida para inscribirse no concurso e ter toda a decoración instalada é o vindeiro venres día 11

No caso de que nestas datas as restricións sanitarias volvan afectar ao peche da hostalería ou de comercios, estas categorías posporanse para facer un concurso noutras datas. Nese contexto, manteríase soamente o concurso nas categoría de vivendas e edificios.

Os participantes deberán aportar antes do día 14 de decembro de 2020 (incluído) cando menos 3 fotografías polas que se poida visualizar a decoración realizada. A achega das fotografías realizarase á conta de correo electrónico [email protected] facendo constar o número de rexistro da solicitude e a identidade do representante.

A montaxe da decoración deberá estar rematada o día 11 de decembro de 2020.

Comentarios