Celso Milleiro: "Marín foi un dos puntos de loita sindical máis grande de toda Galicia"

'Crónica da II República Española no Concello de Marín' é o segundo libro do traballo de investigación 'Memorias de Sal e Terra' realizado por Celso Milleiro e o historiador Xosé Manuel Moreira. O estudo, que se presenta este venres na Biblioteca Vidal Pazos (20.00), ofrece unha visión da vila de Marín entre os anos 1931 e 1936.

Celso Milleiro
photo_camera Celso Milleiro no Paseo Alcalde Blanco. GONZALO GARCÍA

Como nace o traballo Memorias de Sal e Terra
O traballo parte da inquedanza que temos os dous, Xosé Manuel máis eu, por coñecer todo o que foi a Guerra Civil. Os primeiros datos xorden por un estudo que se chama Nome e Voces e queriamos coñecer a historia de todas as persoas de Marín que saían reflectidas nel, quen eran. Comezamos a tirar do fío e vimos que había tanto dato que queriamos dividilo en varias partes. De aí xorde Memoria de sal e terra. Agora imos pola segunda parte, que é a relacionada coa II República en Marín. 

Durante estes anos de estudo, que inquedanzas atoparon no seu traballo?
Descubrimos a historia da muller traballadora daquela época. Marín, xunto con Ferrol e Vigo, é un dos puntos de loita sindical máis grande de toda Galicia. Xorde unha historia moi rica a partir de aí. Os historiadores ata hai cousa de vinte anos só recollían o papel feito polos homes nesa loita, o das mulleres era como algo secundario. Pero cando comezas a tirar do fío, ves que aquí houbo unha historia bastante potente.

Este segundo libro do proxecto, centrado na II Républica na vila, comeza facendo un repaso das épocas anteriores a súa proclamación... 
Para coñecer o que somos, temos que coñercer o de antes. Neste caso, en Marín, cando querías saber algo de antes da historia, como é acá o caso da II República, non existía nada. Todos os traballos que hai sobre a vila ao chegar a esta época é como se non houbese existido, motivado moitas veces pola mentalidade do escritor e do que facía o libro. No caso da II República, son cinco anos moi intensos e moi dinámicos. Despois da Guerra Civil veñen vinte anos moi grises e apagados.

Como era a vida en Marín e a sociedade naquela época? 
Era unha sociedade moi dinámica, festeira. Facíanse moitísimos actos culturais. O dinamismo estaba en todos os aspectos sociais. 

Antonio Blanco Solla foi a primeira persoa das clases populares que ocupou o papel de alcalde en Marín

Diría que eses anos foron tamén un punto de inflexión no aspecto político e económico da vila?
Durante a Primeira Guerra Mundial houbo unha crise moi grande no sector pesqueiro que obrigou a emigrar aos Estados Unidos e tamén a Euskadi. A finais da ditadura comézase a retomar aquí a industria pesqueira. Foi un ‘boom’ industrial e económico, o que provocou que houbese sectores culturais moito máis dinámicos.

Tamén entra en xogo o sindicalismo... 
Durante a II República había unha competición moi forte entre a CNT e a UXT por dominar certas industrias e iso orixinou pelexas continuas, sobre todo no sector da conserveira, na estiva do porto e na lonxa. 

Non se comprende a II República en Marín sen a figura de Antonio Blanco Solla...
En Marín houbo cinco alcaldes durante esa época e un deles, o segundo, Agustín Rey Fonseca, considerou un mes e medio despois de estar no cargo que quen tiña que ser alcalde era Antonio Blanco Solla porque detrás del había un apoio máis grande que o que tiña el. Os dous eran republicanos con bagaxe detrás. A entrada de Blanco Solla tivo un factor moi importante e foi que era a primeira vez que unha persoa das clases populares como rexedor. Iso foi a orixe do que sucedeu no futuro.

No libro falan do Estatuto de Autonomía, que conclusións sacan? 
Tendemos moito a idealizar e achacar ao Partido Galeguista, que en Marín foi moi feble en comparación con Bueu ou Pontevedra, como o motor do Estatuto, pero tamén é certo que se non fose por outros estamentos ideolóxicos o Estatuto tampouco iría para arriba. Aquí destacaría a figura de Blanco Solla, que participou en todo para que iso fose adiante. Marín estivo sempre no proceso. 

Comentarios