Marín ofrecerá 300 prazas para os campamentos de conciliación de verán

O prazo para as inscricións abrirá o 2 de maio e poderán realizarse tanto presencial como telematicamente
Nenos e nenas nun dos campamentos do ano pasado
photo_camera Nenos e nenas nun dos campamentos do ano pasado. DP

Un ano máis o Concello de Marín organizará os campamentos de conciliación do verán, ofertando un total de 300 prazas dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, vén de anunciar que o prazo de inscrición para solicitar unha destas prazas será aberto o luns 2 de maio.

Este proceso poderá realizarse de xeito presencial no Rexistro municipal, cun límite de cinco solicitudes por persoa, ou de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello, sendo necesario dispor do certificado dixital. O prazo para presentar ditas solicitudes rematará o 20 de maio, coa saída das listaxes de admitidos prevista para antes do día 28.

O CEIP A Laxe acollerá estes campamentos durante catro quincenas. As do mes de xullo terán lugar do día 1 ao 15 e do 18 ao día 29, ofertando 75 prazas para cada unha. No caso do mes de agosto, as quendas comprenderán do día 1 ao día 12 e do 16 ao 31, cun total de 50 prazas por quincena. Os campamentos celebrados no medio rural serán acollidos pola Casa de Cultura de Mogor na segunda quenda de xullo e no CEIP Seixo na primeira do mes de agosto, coa oferta de 25 prazas para cada un.

O prezo público, como cada ano, será de 30 euros por praza. En canto ao pago, este poderá realizarse mediante tres vías: por domicialización bancaria, cuxo cargo sería realizado a día 6 de xuño; por pago telemático, con prazo límite ata o mesmo 6 de xuño; e de xeito presencial. No caso da presencialidade o pago debe realizarse nas dependencias da Tesourería do Concello entre os días 1 e 10 de xuño, en horario de 9 a 14 horas e solicitando cita previa.

Comentarios