Marín prepara o padal para a I Feira de Viños da IXP Ribeiras do Morrazo

A Alameda Rosalía de Castro acollerá esta fin de semana a primeira edición dunha festa na que se poderán degustar as diferentes variedades das cinco adegas que forman parte desta indicación xeográfica protexida
Presentación Feira do Viño Marín
photo_camera Un momento da presentación da I Feira de Viños da IXP Ribeiras do Morrazo. DP

Limpos, frescos e suaves en boca. Así se definen os viños das adegas que conforman a IXP Ribeiras do Morrazo, que este fin de semana se poderán degustar na Alameda durante a I Feira de Viños, un novo proxecto que sae a luz grazas ao traballo da asociación vitivinícola e o Concello. 

A Adega de Ardán (Marín), Os Areeiros (Vilaboa), Videiras no Mar (O Hío), Viñas del Monasterio (Poio) e Reboraina (Redondela) serán as bodegas que dende este venres ata o domingo terán instalada unha caseta durante un evento no que non faltará detalle e que espera converterse nun referente co paso dos anos, así como unha data sinalada antes das Festas do Carme. Ademais de viño, que se venderá por copa cun prezo único, haberá polbo e xamón ao corte. Tamén se poderá adquirir unha copa conmemorativa da feira que estará serigrafiada co selo da IXP morracense. 

“Levar adiante esta feira en Marín era o meu orgullo, polo que esperamos que despois cada ano vaia recorrendo os concellos aos que pertencen as outras adegas”, explicou Fina Cabaleiro, adegueira de Ardán, durante a presentación da feira, que tivo lugar este luns no novo salón de catas da súa bodega, na que tamén participaron outros representantes da IXP; a alcaldesa, María Ramallo, e os edís Manuel Santos e Pablo Novas. 

O obxectivo é que cada ano a feira "vaia recorrendo os concellos aos que pertencen as outras adegas"

Esta nova feira, que se inaugurará o venres ás 19.00 horas, será a segunda que se faga nos oito concellos da IXP Ribeiras do Morrazo. Dende fai unha década, Vilaboa celebra a súa propia festa do viño e agora tamén o fará Marín. Guillermo Martínez, de Os Areeiros, e presidente da asociación, considera que “se debería implicar algún concello máis na celebración desta feira, ainda que conleva bastante traballo e carga económica”. 

Por ese motivo, o obxectivo, tal e como remarcou a alcaldesa, María Ramallo, é que “con esta festa os veciños de Marín e todos os que veñan pasar uns días polas nosas festas coñezan estes produtos e, sobre todo, sexan conscientes que aquí tamén temos unha produción importante, de calidade, que se exporta e que acadou un selo gastronómico tan importante como é o da IXP, que só hai cinco en Galicia”.

O horario da feira será de 19.00 a 00.00 horas o venres, mentres que o sábado tamén abrirá para a hora do vermut de 11.00 a 15.00 horas; pola tarde, os postos estarán de novo abertos no mesmo horario que o venres. Xa o domingo, último día da feira, tan só se poderán degustar as diferentes variedades de viño de 11.00 a 15.00 horas.

Comentarios