Marín recibirá 594.000 euros para a rehabilitación de 110 vivendas da ARI

Un total de 124 edificacións do municipio obtiveron axudas públicas para a súa recuperación

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, camiñaron este martes polo casco antigo da vila. GONZALO GARCÍA
photo_camera A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, camiñaron este martes polo casco antigo da vila. GONZALO GARCÍA

Trala aprobación do Plan Xeral de Ordenación do Territorio (PXOM), no ano 2012, o Concello de Marín puxo en marcha a Área de Rehabilitación Integral (ARI), que permitiu que 124 edificacións do casco urbano recibisen axudas públicas para ser rehabilitadas.

Agora, a Xunta de Galicia vén de conceder un novo impulso e serán outras 110 vivendas as que poidan acollerse de novo ás subvencións, de maneira que se repartirán 594.000 euros para a mellora da parte exterior da vivenda, o que tamén repercute positivamente no espazo interior da mesma e garante unhas mellores condicións de vida.

Así o explicou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, que visitou Marín para coñecer de primeira man as rehabilitacións que se levaron a cabo nos últimos anos cos fondos destinados ás ARI. Vázquez apuntou que Marín é un deses concellos que se "esmera para que a execución se faga posible" e ademais de anunciar os 594.000 euros para a anualidade de 2018, lembrou que están pendentes de execución 430.000 euros con cargo aos fondos 2017-2019.

A responsable autonómica de Vivenda destacou que a Xunta de Galicia quere "seguir impulsando as áreas de rehabilitación integral" porque supón "facilitar a vida aos cidadáns que optan por seguir vivindo nos cascos vellos e nas zona que delimitan os concello para mantelos vivos".

Para a alcaldesa de Marín, María Ramallo, esta iniciativa supón "axudar aos propietarios a paliar o déficit que teñen nas súas vivendas e permite rehabilitar fachadas e mellorar tellados e fiestras", sinalou.

18 MILLÓNS DE EUROS. En toda Galicia serán 35 concellos os que este ano "van ter opción a desenvolver estas axudas e entre os que se repartirán 18 millóns de euros". Vázquez Mejuto indicou que o esforzo non pode chegar unicamente dende o punto de vista da rehabilitación, senón que tamén hai que traballar "nos pasos para que sexa máis doado rehabilitar", o que pasa por unha "simplificación administrativa. De feito, xa temos en marcha a Lei de Rehabilitación, que será un paso importante para o futuro", asegurou.

Requisitos
Máis de dez anos e vivenda habitual


As Areas de Rehabilitación Integral comprenden actuacións de mellora de tecidos residenciais no medio urbano e rural, recuperando funcionalmente conxuntos históricos, centros urbanos, barrios degradados e municipios rurais que precisen a rehabilitación dos seus edificios e vivendas.

As construcións deberán ter unha antigüidade superior a dez anos para acollerse ás axudas de recuperación e rehabilitación e as que obtivesen subvención deste programa deberán destinarse a domicilio habitual.

Cinco anos
O propietario debe habitar na vivenda restaurada ou tela alugada durante cinco anos trala finalización das obras de rehabilitación.

12.000
vivendas en toda Galicia tiveron opción de facer a súa rehabilitación con cargo aos fondos destinados á rehabilitación polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda.

 

Comentarios