Marín recorre ao Plan Concellos para mellorar a piscina municipal

Esta actuación, que contará cunha inversión de máis de 600.000 euros, centrarase nas cubertas, fachadas e estruturas das instalacións
As instalacións da piscina municipal de Marín. DP
photo_camera As instalacións da piscina municipal de Marín. DP

A piscina municipal de Marín, ubicada en A Raña, será obxecto dunha importante rehabilitación da man da Deputación de Pontevedra, un proxecto que será aprobado mañá pola Xunta de Goberno provincial. Ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023, a localidade marinense contará cunha axuda que ascende aos 604.371 euros para acometer estas obras de mellora.

Tal e como destacou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este será un "proxecto moi potente", xa que ademais da actuación na estrutura da propia piscina, a acción tamén levará ao cabo melloras na zona do ximnasio. Todo isto será executado co obxectivo final de "preservar este equipamento municipal", segundo se estableceu dende a entidade provincial.

O proxecto contempla unha reforma da cuberta da infraestrutura, así como a renovación do lucernario e a habilitación dunha nova fachada translúcida de policarbonato celular, a cal permitirá unha maior entrada de luz natural e un maior aforro enerxético. Tamén se acometerá unha profunda limpeza das fachadas exteriores e a reparación da carpintería exterior de acceso, o que rematará nun reforzo xeral da estrutura.

No interior do edificio, reporanse os diferentes elementos danados nas bancadas da zona da piscina, e todo equipamento fóra de uso será retirado. Por outra banda, levaranse ao cabo tamén reformas nos vestiarios e no ximnasio, onde se substituirá a tarima de madeira por un solado de baldosa.

PLENO. A piscina municipal marinense foi, precisamente, obxecto de debate na última sesión plenaria da Corporación, celebrada a pasada semana. Con motivo dunha proposta trasladada por Alcaldía, na que se expoñía a necesidade de destinar á empresa concesionaria do espazo un pagamento de aproximadamente 60.000 euros con motivo dunha tardanza de catro anos da mesma, os grupos da oposición aproveitaron para sinalar o actual estado das instalacións.

Dende o PSOE manifestaron que a de A Raña trátase dunha piscina "carente de mantemento", mentres que o BNG destacou que esta cuestión "vén protagonizando queixas dos usuarios dende hai anos". A portavoz nacionalista, Lucía Santos, fixo referencia aos problemas relacionados coa cuberta, que, a causa da humidade, "está en risco de derrubamento".

Comentarios