Marín viaxará no tempo para celebrar o retorno da súa Festa Corsaria

A 11ª edición do evento celebrarase durante os días 19 e 20 de agosto. O prazo para solicitar a colocación das mesas de particulares e hostalería será entre o 26 de xullo e o 15 de agosto
A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Sanmartín (d.) e Santos (i.) presentaron o cartel deste ano. DP
photo_camera A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Sanmartín (d.) e Santos (i.) presentaron o cartel deste ano. DP

Tras dous anos sen celebrarse no seu formato tradicional a causa das condicións sanitarias, en menos dun mes a XI edición da Festa Corsaria marinense chegará á vila cunha celebración por todo o alto. Entre o venres 19 e o sábado 20 de agosto, os veciños e veciñas de Marín poderán realizar unha viaxe ao 4 de abril do ano 1809, data na que Gago de Mendoza liderou ás Alarmas do Morrazo, unha gesta que quedou gravada na historia da localidade.

Segundo se informou dende o Concello, tanto a cidadanía como os representantes do sector de hostalería contarán cun prazo total de vinte días, do 26 de xullo ao 15 de agosto, para solicitar a colocación de mesas nas rúas do espazo urbano da vila, o que supón unha das actividades propias desta festividade. Para realizar a solicitude será preciso descargar os formularios que se atopan dispoñibles na páxina web, tendo en conta que haberá un para os particulares e outro para os locais hostaleiros. Para formalizar o trámite haberá que presentalos no Rexistro Xeral, xa sexa a través da sede electrónica municipal ou directamente no Rexistro do Concello.

Como xa vén sendo habitual en cada unha das edicións, as mesas que sexan autorizadas para o evento deberán respectar unha serie de requisitos obrigatorios. Entre estes atópase que a mesa en cuestión debe mostrar visiblemente o número de identificación que lle sexa asignado en primeira instancia, así como unha coherencia estética adecuada á temática protagonista da festividade pirata. Desta forma, as persoas que ocupen un lugar nas mesmas deberán vestir traxes e atuendos propios da época en cuestión, a decoración da mesa debe ser corsaria, tendo en conta que os materiais que se utilicen na mesma deben ser coherentes co momento histórico, e os depósitos do lixo tamén deben ir acordes co resto do decorado.

CONCURSO DE DECORACIÓN. Coa Festa Corsaria tamén retornará o Concurso de Decoración e Ambientación, que este ano vivirá a súa quinta edición. Neste premiarase ao establecemento hostaleiro e á mesa dos particulares que presente unha ambientación e o deseño máis acordes coa época.

Para participar será preciso indicalo no momento da entrega da solicitude para a colocación da mesa. Así, o local de hostalería que resulte gañador deste certame recibirá un premio cun valor de 200 euros, ademáis de recibir unha compensación ou accésit de 100 euros. Na categoría dos particulares a mesa premiada recibirá as mesmas cantidades.

Os gañadores serán seleccionados por un xurado, conformado con diferentes representantes dalgúns dos colectivos e asociacións relacionadas coa actividade diaria da localidade. No caso da hostalería serán valoradas a ambientación e decoración interior e exterior, zona de terrazas e vestimenta, e no caso dos particulares a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, ademáis da vestimenta dos comensais.

A decisión do xurado farase pública durante a segunda xornada festiva, o sábado 20 de agosto ás 21.00 horas, momento no que ambos os premios serán entregados en metálico.

Comentarios