Marín e Vilaboa acollen esta semana manifestacións en defensa da Sanidade

Os nacionalistas vilaboeses piden que se dote con persoal propio o centro de Santa Cristina e que se evite o seu peche
Exterior do Centro de Saúde de Marín. GONZALO GARCÍA
photo_camera Exterior do Centro de Saúde de Marín. GONZALO GARCÍA

Facer visible o malestar dos cidadáns coa situación pola que está a pasar a sanidade pública. Ese é o obxectivo das convocatorias das agrupacións nacionalistas de Marín e Vilaboa para esta semana, coas que se desenvolverán concentracións diante dos centros de saúde de cada unha destas localidades.

A primeira delas será a do BNG de Vilaboa que convoca á veciñanza para a tarde-noite deste martes, ás 20.00 horas diante do Centro de Saúde de O Toural.

A proposta faise eco do malestar veciñal que vén medrando desde que no centro se perdeu a cobertura total do servizo de Pediatría ao non cubrirse a baixa da titular da praza. Os veciños e usuarios comzaron a deixar queixas no centro, e o BNG elaborou dúas mocións ao respecto, pero a formación considera que non deron resultado e que é o momento das mobilizacións.

Ademais da cobertura das baixas e de que se dote de persoal necesario o centro, o BNG tamén pide "a reapertura inmediata do servizo de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres e dotalo de persoal propio", así como "o cese da política de desmantelamento nos servizos sanitarios da nosa área e ao cese da atención telefónica como atención prioritaria".

Os nacionalistas lembran que Vilaboa vén de pasar restriccións por mor da extensión dos contaxios do covid-19, un elemento que fai que sexa aínda máis primordial contar cuns servizos plenos de Atención Primaria. O mesmo sinala o BNG de Marín, onde aínda seguen con restriccións pola mesma causa.

No caso desta formación a convocatoria é para o xoves ás 11.30 diante do centro de saúde marinense.

Ao peche de servizos, falta de persoal e problemas coas baixas, o BNG de Marín engade a situación que está xenerando a priorización das citas telefónicas. Os nacionalistas avogan por recuperar a atención presencial, dotar de persoal e medios os centros de Atención Primaria e responder cun plan de choque ás listas de agarda que está xenerando este colapso do sistema. O manifesto do BNG de Marín sinala que será preciso incrementar o orzamento para a Atención Primaria en ate un 25%, e investir uns 200 millóns de euros na mellora do servizo en toda Galicia.

Comentarios