Marín xa pensa en tempo de Entroido

O Concello presentou o mércores o cartel desta celebración, deseñado polo artista Luis Vilas e onde Dona Sardiña é a principal protagonista. A programación das festas comezará o 17 de febreiro
As edís Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez co deseñador do cartel do Entroido, Luis Vilas. DP
photo_camera As edís Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez co deseñador do cartel do Entroido, Luis Vilas. DP

O sentimento do Entroido é común a toda Galicia. É por iso que os concellos xa se poñen mans a obra para ofrecer a mellor programación posible aos seus veciños durante esta época de celebración e, tamén, de tradición. No caso de Marín, o Entroido volverá ao grande despois de dous anos marcados pola pandemia e tamén pola traxedia do Villa de Pitanxo, que o ano pasado obrigou a suspender os festexos.

Para quentar motores de cara ás datas entroideiras deste ano 2023, as concelleiras de Festas e de Cultura, Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez, respectivamente, presentaron o mércores o cartel que servirá para ilustrar esta época festiva no 2023, xunto co seu autor, Luis Vilas.

Unha das partes máis representativas do cartel e en xeral de toda a festividade deste ano é a famosa Dona Sardiña, xa que este ano o Enterro está solicitado como Festa de Interese Turístico de Galicia. Este trámite púxose en marcha hai un ano e aínda está á espera de ser resolto, un feito que dende o Ateneo Santa Cecilia lamentaron ao considerar que a resolución chegaría a tempo para o velorio deste ano.

Debido a importancia deste acto no Entroido de Marín, os centros escolares da localidade contarán con velorios e charlas sobre o Enterro da Sardiña entre os días 13 e 17 de febreiro, para poder achegarlles aos máis pequenos todo o que se agocha detrás desta tradición que o Ateneo recuperou nos anos 70.

Ao día seguinte será cando a maxia de Don Carnal e a diversión enchan as rúas de Marín, cunha xornada pensada para os máis pequenos. O sábado 18 de febreiro, ás 16.30 horas, celebrarase o Desfile Infantil polas rúas de Marín (Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Parque Eguren), con inscrición previa ás 16.00 horas no Palco da Música. A partir das 17.00 horas, será a Gran Festa Infantil no Parque Eguren, con música, animación, obradoiros e filloas de balde.

O domingo, 19 de febreiro, a animación polas rúas de Marín coas comparsas marinenses Os Paparrulos o Os da Caña comezará ás 12.30 horas. Despois, pola tarde, ás 17.00 horas, será o Gran Desfile de Disfraces e Carrozas pola Praza do Regueiro, a Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Arenal e o Parque Eguren, onde se realizará a entrega de premios.

O luns, 20 de febreiro, a Casa Consistorial acollerá todo o día o velorio á Sardiña, en colaboración co Ateneo Santa Cecilia, pero non todo será chorar, xa que aínda quedarán uns días para despedir o Entroido. Pola mañá, as 12.00 horas, Amigos dos Rapaces e o Concello organizan a tradicional Festa do Merengue na Lameiriña, acompañados por Pousos da Area. Despois, ás 16.30 horas, terá lugar a festa infantil, tamén na Lameiriña, amenizada polo grupo Los Coleguitas.

As comparsas ultiman todos os detalles para saír as rúas no Entroido. DP
As comparsas ultiman todos os detalles para saír as rúas no Entroido. DP

Xa o martes, o Museo Manuel Torres acollerá a terceira edicióndas Ludoxornadas en horario de 17.00 a 21.00 horas. Paralelamente, na Alameda, a partir das 18.30 horas, o Concello organiza o espectáculo Circocido con Tom e Son e ao rematar, chocolatada de balde. A partir das 19.00 horas, entregaranse os premios do Concurso de Orellas e Filloas do Ateneo Santa Cecilia.

Será o Mércores de Cinsa cando a tristeza inunde Marín. Ás 17.00 horas, arrancará o Velorio do Enterro da Sardiña no Palco da Música e ás 20.00 horas será o enterro, coa comitiva que pasará pola Alameda, Jaime Janer, Busto de Abaixo, Dr. Touriño e Rúa do Sol, ata chegar á Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, sairase pola rúa Real en dirección ao Paseo Alcalde Blanco, para despedir á sardiña no mar.

O sábado, 25 de febreiro, a festa seguirá, pero en Seixo, que se converterá no epicentro do Entroido coa animación da Charanga Noroeste polas súas rúas ás 16.30 e media hora despois co Desfile de Entroido, desde San Blas ata a Alameda de Seixo, organizado polo Grupo Cultural Ronsel. Haberá homenaxe á Burra Chirica, figura tradicional do Entroido de Seixo, e sesión de música e baile.

A recta final chegará o domingo 26 de febreiro ás 12.00 horas coa festa gastronómica da degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area na Alameda Rosalía de Castro, organizado polo Concello de Marín.

Comparsas

Coa inminente chegada do Entroido, as comparsas de Marín, Os da Caña e Os Paparrulos xa ultiman os detalles para lucir as mellores galas e presentar o mellor espectáculo posible no desfile; non só no de Marín, senón tamén no doutros puntos da comarca de Pontevedra nos que participan.

No caso dos Paparrulos, que este ano contan con sesenta persoas nas súas filas, xa comezaron no verán a poñer todo a punto. Iso sí, a subida dos prezos dos materiais e o parón durante dous anos, "fíxonos andar moi xustos de presuposto, polo que tivemos que adaptar a temática que queríamos facer", explica María Lago, membro da comparsa. A pesar de todo, dende Os Paparrulos amosaron as súas ganas de saír á rúa a desfrutar do Entroido.

Comentarios