O mercadiño solidario de Cáritas aposta polos valores e a igualdade

Entre o 9 e o 11 de agosto estará aberto na Sala Amalia Domínguez Búa e haberá xoguetes, roupa e electrónica

O alcalde de Bueu, Félix Júncal, no centro, acompañado do director de Cáritas e o párroco buenense. D.P.
photo_camera O alcalde de Bueu, Félix Júncal, no centro, acompañado do director de Cáritas e o párroco buenense. D.P.

Cáritas Bueu organiza, un ano máis, un mercadiño solidario de verán, que se desenvolverá do 9 ao 11 de agosto na Sala Amalia Domínguez Búa e que ten por lema 'Se queres cambiar o sentido dunha sociedade de valores, acepta a todos por igual sen pedir nada a cambio'. O horario será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse con produtos de electrónica, roupa, xoguetes, etc, que foron doados por particulares e institucións públicas e privadas.

Así o salientou onte Manuel Golmayo, director de Cáritas Bueu, na presentación deste evento, onde estivo acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e do párroco, José López. Esta iniciativa, que xa leva un percorrido de máis de sete anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada a cincuenta familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social. O párroco apuntou que "este mercadiño, ademais de recadar fondos, supón unha chamada de atención á solidariedade, nun momento no que o compromiso de todos e todas é máis necesario ca nunca".

Por súa banda, o alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan afrontar dificultades. As persoas que desexen colaborar doando obxectos ou produtos para o mercadiño poden entregalos na parroquia de San Martiño de Bueu ou no local de Cáritas.

Comentarios