O Mercado Ecolóxico e Artesanal volve a Bueu con máis de vinte postos

Para dinamizar a xornada organizarase unha cata de cervexas ecolóxicas, unha charla sobre o aproveitamento dos montes, un menú degustación outonal e un obradoiro infantil de elaboración de queixos
Sonia Cabodevila, Félix Juncal e Silvia Carballo na presentación. SCT
photo_camera Sonia Cabodevila, Félix Juncal e Silvia Carballo na presentación. SCT

O Mercado Ecolóxico e Artesanal volverá a darse cita na localidade bueuesa. O evento, que busca fomentar o comercio sostible e de proximidade, celebrarase o domingo 27 de novembro no aparcadoiro de As Lagoas. Contará con máis de vinte postos de venda de produtos ecolóxicos e feitos a man, ademais de incluir un programa de actividades para todas as idades que aportará un toque lúdico á xornada.

A iniciativa, que naceu hai dez anos coa primeira edición do mercado, foi presentada este xoves no salón de plenos do Concello polo alcalde do municipio, Félix Juncal, a concelleira Silvia Carballo, e a técnica de Desenvolvemento Local, Sonia Cabodevila.

O mercado, que abrirá de 11.00 a 20.00 horas, ofrecerá unha gran variedade de produtos nos que os de alimentación serán os grandes protagonistas con diferentes tipos de queixos, mel, viños, pan, embutidos e produtos de horta. O sector da artesanía e o de saúde e benestar tamén estarán representados.

Co obxectivo de facer a xornada máis atractiva, ás 12.00 horas celebrarase unha cata de cervexa de mirabel elaborada pola empresa Mirabel do Rosal, que se encarga de producir cervexa ecolóxica a partir de dito froito. Máis tarde, ás 12.30 horas, a Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) impartirá unha charla sobre as Experiencias de xestión agroforestal, na que presentará algunhas das iniciativas do colectivo para aproveitar o monte, como o cultivo de cogomelos e  froitos do bosque.

Para o xantar haberá un posto gastronómico a cargo do establecemento cangués Il Popolo, que ofrecerá un menú conformado de especialidades de outono e no que tamén haberá opcións veganas. O toque musical será aportado pola charanga BCB pasadas as 13.00 horas.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, organizarase un obradoiro infantil de elaboración de queixos a cargo da empresa Valilongo. Terá capacidade para 25 participantes, que deberán inscribirse previamente a través da web municipal.

Juncal sinalou que todos os expositores do mercado contan cun distintivo de calidade, cuestión que "forma parte da estratexia global do Concello, que leva anos apostando pola produción e consumo de produtos con todas as garantías sanitarias".

Comentarios