A Mesa Local de Comercio da luz verde á celebración dun Stock Marín en xaneiro

Na reunión, celebrada este luns, tamén se acordou impulsar a ocupación dos postos vacantes nos mercados de abastos de Marín e Seixo
A reunión da Mesa de Comercio Local, este luns. DP
photo_camera A reunión da Mesa Local de Comercio, este luns. DP

A feira de oportunidades Stock Marín volverá a ter unha edición fóra do verán, pero nesta ocasión celebrarase despois do Nadal. Así o acordou este luns a Mesa Local de Comercio durante unha reunión presidida pola alcaldesa do municipio, María Ramallo, e na que tamén participaron a concelleira de Comercio, Cristina Acuña; os voceiros da oposición Manuel Pazos (PSOE) e Lucía Santos (BNG); o AEDL, Alfredo Montero; e representantes das asociacións comerciais da localidade –Estrela de Marín, a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos e Acemas–.

Esta nova edición do Stock Marín, a segunda que se organiza fóra da tempada estival tras a celebración en novembro do ano pasado do Marín Black Weekend, realizarase o próximo mes de xaneiro. Tal e como apuntaron dende o Goberno local, esta é "unha data que para os comerciantes é mellor que o Black Friday", xa que coincide, ademais, co periodo das rebaixas de despois do Nadal.

No evento, que serve para impulsar o comercio local e para dar saída aos produtos de stock acumulado durante o resto do ano coa aplicación de descontos, habilitaranse ata 16 carpas para establecementos marinenses. Tal e como anunciaron dende a asociación Estrela de Marín, entidade que se encarga da organización da feira, actualmente só unha destas haimas está vacante.

Durante a reunión da Mesa Local de Comercio, a edil Acuña tamén quixo poñer sobre a mesa a situación que se vive actualmente cos postos de venda que se atopan vacíos nos mercados de Marín e Seixo e aos que, segundo indicou a concelleira, "non está sendo sinxelo darlles saída".

Na Praza de Abastos de Marín están vacantes dúas bancadas de peixe, un posto de carnicería e un dos locais do patio norte, que se pode destinar a actividade comercial de diversa índole. No mercado da parroquia de Seixo, pola súa parte, están dispoñibles dous postos para a venda de peixe e outros dous que poden adicarse ao sector da carnicería ou ao de alimentación.

Acuña explicou que, dende o Concello, "estamos traballando cos servizos técnicos para avaliar como baixar os anos polos que se concede a concesión destes locais", xa que, segundo apuntou tras unha consulta co sector, "son demasiados e iso disuade a posibles interesados". Actualmente, as concesións son de 30 anos, polo que se está estudando a fórmula administrativa para sacar estes postos vacantes "unicamente por cinco anos", anunciou a edil.

O terceiro punto a tratar foi a exposición, por parte dos comerciantes de Seixo, de todas as actividades que se viñeron realizando nos últimos tempos e cales serán as campañas de promoción comercial programadas para o 2024. Dende Acemas anuncian que estas iniciativas seguirán premiando a fidelidade dos clientes habituais, pero tamén motivarán a xeración de novos compradores para os negocios da parroquia.

Comentarios