Moaña non só é Iago Aspas

A vila de Moaña, coñecida nos últimos tempos polo xogador do Celta, Iago Aspas,
agocha moitas máis cousas que o berce do '10' celeste: A Poza da Moura, o seu interminable paseo a carón do mar e unha Tirán inundada de preciosas calas son algúns dos tantos secretos que se esconden na localidade de O Morrazo
O Fisgón. SARRI SEOANE
photo_camera O Fisgón. SARRI SEOANE

o 'Messi de Moaña', chegárono a chamar nalgunha ocasión. E non é para menos: Iago Aspas leva xa varias tempadas marcando, na súa zona da táboa, case que as mesmas diferenzas -e cunha influencia similar- que marca o astro arxentino do Barcelona no chanzo máis alto da élite. Iago, o 'Príncipe das bateas', loita por obxectivos un pouco máis baixos na escaleira. A veces inadvertidos para o grande público, quen só se conforma con partidos nos que se busca morder o metal e non, pode que máis importante, evitar que che fagan morder o polvo. Pero non por iso, por non copar tantas portadas, as súas xestas valen menos. Son simplemente distintas. Hai que atopalas, prestarlles a atención necesaria e descubrir que alí, pelexando por seguir facendo crecer a un clube que xa é para el como unha segunda pel, tamén hai moito que ver, moito do que falar e moito por contar. Igual que en Moaña, a súa vila. A que leva xa case como un alcume en cada narración deportiva. A que, iso si, non só e Iago Aspas.

Moaña, na comarca do Morrazo, é unha vila para moitos por desvelar e para os moañeses, como non, unha vila da que presumir. Así a define a súa edil de turismo, Coral Ríos, cando invita á xente a pasarse por unhas paisaxes nas que o mar e a montaña encaixan como dúas pezas dun mesmo puzle: "Queremos que sexa un secreto o ben que se está en Moaña, que a xente o descubra por si mesma. Que vaian vindo pouco a pouco, que o descubran, que o disfruten. Non queremos convertirnos en Marbella nin en Sanxenxo. Queremos que a xente veña aquí, que esté tranquila, que disfrute de nós, da nosa xente, da nosa hostelería, das nosas praias e da nosa contorna".

Tirán, unha das parroquias de Moaña, foi a elixida por Domingo Villar para desenrolar parte da acción do seu último libro

Un contorno, engarzado entre as parroquias de Domaio e Tirán, que ten moito por atopar. Na propia Tirán, de feito, baseouse Domingo Villar para levar gran parte da acción do seu último libro, 'O último barco'. No seu paseo a carón do mar, no seu sen fin de calas, na súa igrexa a cabalo entre dúas das praias da zona ou nuns camiños onde a vexetación é o paso previo para chegar ata a area. Un paseo que, a raíz do libro, volveuse moi popular entre os lectores. E que, desde o un de agosto ao 23 do propio mes, poderán recrear os fans da saga de Leo Caldas a través do roteiro 'Días de Mar', nunha iniciativa do concello en colaboración con Editorial Galaxia. Domaio, no outro extremo, tampouco se queda atrás: alí, entre outras tantas cousas, destaca a Poza da Moura, lugar envolto en mil lendas que paga a pena escoitar da boca dos propios veciños e que, escondida entre montañas de rochas, amosa unhas vistas privilexiadas da ría desde a súa lagoa. Un recuncho do pobo, iso si, que hai que saber coidar en tempos de pandemia. "Temos un problema coa Poza da Moura: está saturada de xente. Tivo que ir a policía alí a botar á xente, porque, claro, agora coa saída hai que controlar e, dunha hora para outra, xuntáronse douscentas persoas. E temos que ter coidado", confesa Coral Ríos sobre un lugar que, xustamente por encantador, está a ser un problema na actualidade. Haberá que ir a modo, deixando respirar un tempo a moura, para logo poder volver a atopalo peiteándose o seu cabelo de ouro baixo a cascada. Aínda máis brillante, se as cousas fanse como se deben facer.

Pero Moaña, claro, non acaba nos seus extremos. É un pouco como o propio Iago: sempre ten algo que dicir en todas as zonas do campo. En San Martiño, por exemplo, espazo dunha das festas por excelencia da localidade, encóntrase a igresa homónima a parroquia, nada no século XII e testigo directa de romerías que non sempre acabaron ben, pero que parece que nunca acabarán. Tamén, de novo apegados ao mar, dáse cita outro dos grandes alicientes de Moaña: "Aí podes pegarte o gran paseo desde Meira (outra das parroquias do pobo) ata Tirán. O paseo de Moaña é marabilloso porque podes, ininterrumpidamente, ir llaneando, a carón do mar, e vas visitando os seus distintos lugares", afirma Coral Ríos, quen non deixa de citar todos os encantos que se poden atopar nese gran paseo: a zona da Xunqueira, monumentos xa característicos como o Choco, o Fisgón e a Balea, a circense praza do pobo, enfrontada ao palco da música e, os mércores e os sábados, a chegada do mercado ambulente que, entre gritos das mellores ofertas e o camiñar da muchedumbre, sempre dálle unha cor distinta a esas mañás da semana.

Estas son algunhas, poucas, das moitas cousas que se poden ver en Moaña. Unhas que, xunto a todas as demais, como di Coral Ríos, teñen que descubrirse por si mesmas. "Somos un pouco un paraíso escondido porque somos un lugar de paso entre Vigo e Cangas. A xente moitas veces non se para, pero a xente que se para volve", conta a edil de turismo do pobo, satisfeita coa súa terra. Porque Moaña, por se aínda non se sabía, non só é Iago Aspas. Aínda que tamén está moi orgullosa del, claro.

Comentarios