Moaña acolle un novedoso sistema de alimentación acuícola intelixente

O proxecto foi desenvolto por un consorcio de empresas galegas e achegou tecnoloxía propia á industria
Un momento da visita ás instalacións este luns. CEDIDA
photo_camera Un momento da visita ás instalacións este luns. CEDIDA
Un consorcio de empresas galegas liderado por Feeding Systems desenvolve o primeiro sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas de pequeno e mediano tamaño instalado nunha plataforma flotante enerxéticamente eficiente. Así o describe a propia empresa, que levou a cabo este luns a presentación oficial do seu novedoso sistema.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acudiu este luns a Moaña para coñecer de primeira man o proxecto, que conta cunha inversión de máis de 600.000 euros a través da convocatoria Conecta Peme da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e que está cofinanciado polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O proxecto Seafeed: Alimentador flotante para acuicultura permitirá optimizar os procesos de alimentación da acuicultura mariña a través dun modelo virtual de xestión intelixente que aplica técnicas de aprendizaxe automática e que facilita o control de todo o proceso.

A través do uso dun software de xestión, este sistema posibilita a mellora dos procesos de produción e se adapta a calquera tipo de instalación acuícola mariña, sen importar o seu tamaño, a especie cultivada ou a natureza do penso de engorde.

Así mesmo, grazas a un sistema de xeración de enerxía eléctrica a partir de renovables, atópase instalado sobre unha plataforma de baixo tonelaxe, eficiente, segura e autónoma, por primeira vez no sector, segundo destacou a propia empresa.

COOPERACIÓN GALEGA. A tecnoloxía detrás deste proxecto é obra dun consorcio de empresas galegas, liderado por Feeding Systems, coñecido polo seu nome comercial Fish Farm Feeder, e que contou tamén co traballo de Quantum Innovative, Engranor e Montajes Cancelas e coa colaboración dos grupos de investigación da Universidade de Vigo Cima e Ecimat. Unha cooperación que achegou tecnoloxía propia á industria acuícola galega para poder facelo posible.

Colaborando naquelas tareas nas que contan con máis experiencia, Engranor construíu o dosificador de alimento, Montajes Cancelas a plataforma flotante, Quantum Innovative, os sistemas de alimentación eléctrica, mentres que a xestión do conxunto e a ensamblaxe final recaeu sobre Feeding Systems.

Comentarios