O Morrazo prepárase para dotar ás praias de socorristas

Marín celebrou este lunes as probas de selección e Bueu abriu o prazo de licitación do servizo
Os aspirantes a socorristas na proba de selección na praia de Mogor. DP
photo_camera Os aspirantes a socorristas na proba de selección na praia de Mogor. DP

A inminente chegada da tempada estival fai que O Morrazo se prepare para poñer en marcha nos seus areais o servizo de socorrismo. Mentres a localidade marinense vén de realizar unha primeira proba para seleccionar aos socorristas que velarán pola seguridade nas praias municipais, en Bueu ábrese o prazo de licitación para a prestación deste servizo.

Así, a praia de Mogor acolleu este luns a selección do persoal de socorrismo, na cal se presentaron 23 persoas das 63 que se solicitaran en primeira instancia. Posto que o obxectivo pasa por contratar a 21 socorristas, tres patróns e un coordinador, a escasa participación nas probas fai imposible cubrir a demanda completa. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, «nuns días teremos que volver convocar un novo proceso selectivo».

Ditas probas consistiron na realización dunha carreira de 150 metros de lonxitude pola area, así como nadar 250 metros co equipo de salvamento. Ademais, os patróns, que serán os encargados do manexo e coidado das embarcacións de salvamento, tamén realizaron a proba denominada "home á auga".

Pola súa parte, o Concello de Bueu este ano acode ao proceso de licitación para dotar ás súas praias do servizo de vixilancia, socorrismo e primeiros auxilios. Así, as empresas interesadas disporán ata o 21 de xuño para presentar ofertas económicas, contando cun orzamento de 120.931,34 euros.

O contrato servirá para cubrir dito servizo nas praias de Area de Bon, Lagos, Banda do Río, Portomaior e Lapamán, dende o 1 de xullo ao 15 de setembro. A empresa seleccionada terá que contar con 15 socorristas e un coordinador ou responsable do servizo de luns a domingo a xornada completa.

Comentarios