O Morrazo recoñece o labor e servizo dos seus axentes polo Día da Policía Local

Marín acolleu este primeiro acto conmemorativo coa intención de realizalo cada ano en cada unha das localidades da comarca
Entrega de placas conmemorativas aos axentes da Policía Local xubiulados este ano. BEA CÍSCAR
photo_camera Entrega de placas conmemorativas aos axentes da Policía Local xubilados este ano. BEA CÍSCAR

Os corpos de seguridade do Morrazo celebraron este martes o Día da Policía Local de Galicia. O Museo Manuel Torres de Marín acolleu a realización dun acto no que membros dos corpos de seguridade da propia vila se agruparon cos das localidades de Bueu, Cangas e Moaña nunha primeira xornada a partir da cal se pretende comezar a conmemorar anualmente esta data de xeito rotatorio entre os catro concellos da comarca. 

O evento contou con membros, familiares e os xefes das Policías Locais dos catro municipios, así como co xefe da Policía Nacional de Marín, Javier Fos, e o comandante do posto da Garda Civil da mesma localidade, Diego González. Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a de Moaña, Leticia Santos, contando ademais con Francisco José Estévez Salazar, delegado de Tráfico, Policía Local e Mobilidade, e con Benito Calviño en representación da Autoridade Portuaria.

O xefe da Policía Local do concello anfitrión, Benigno Blanco Area, foi o encargado de abrir o acto manifestando que, sobre todo por motivo das circunstancias sanitarias, os seus tres anos e medio baixo a xefatura de dito corpo foron "especialmente complicados e inimaginables". No entanto, este asegura que todos os cambios e novas tarefas asumidas durante a pandemia "sacaron lo mejor de nosotros", así como "la determinación de ser útiles como servicio público, sin ausencia y con una predisposición inmediata".

Blanco Area definiu a entidade da Policía Local como "imprescindible" e, tras moitos anos dende a súa fundación no século XIX, "seguimos sendo a policía máis próxima". O xefe da Policía Local marinense rematou a súa intervención transmitindo un agradecemento a tres bandas, dirixido en primeiro lugar aos seus compañeiros de plantilla, en segundo lugar a todas as entidades externas ao corpo que colaboran diariamente en favor da seguridade e aos que denomina como "héroes" e, finalmente, á alcaldesa de Marín. 

Tras isto deron comezo os recoñecementos a todos aqueles méritos realizados durante o ano en materia de seguridade do municipio. Así, os axentes Salvador Montes López e Xacobe Melón Ballesteros recibiron un diploma con motivo das súas actuacións conxuntas nas que, ata en dúas ocasións, excederon o seu compromiso e puxeron en risco a súa propia integridade física. 

No acto non só se fixo referencia ás actuacións dos corpos de seguridade, xa que tamén serviu para recoñecer o traballo dos voluntarios de Protección Civil de Marín, os cales recibiron un distintivo a modo de parabén por, segundo se expresou dende o Concello, "facer posible que a vila sexa un espazo seguro". Na mesma liña, dende a Policía Local quíxose felicitar publicamente a Dimas Calvar Lorenzo e a Pedro Martínez Graña pola súa especial colaboración e apoio na realización dun dispositivo de búsqueda que, no pasado mes de xullo, se puxo en marcha con motivo da desaparición durante case 30 horas dun veciño. 

María Ramallo xunto a Antonio Iglesias 'Cholo' e os xóvenes Dimas Calvar e Pedro Martínez, felicitados pola súa colaboración na búsqueda do desaparecido. BEA CÍSCAR
María Ramallo xunto ao veciño Antonio Iglesias 'Cholo' e os xóvenes felicitados Dimas Calvar e Pedro Martínez. BEA CÍSCAR

As alcaldesas de Marín e Moaña foron as encargadas de pechar o evento coas súas intervencións, nas cales se mostraron agradecidas e orgullosas das súas respectivas plantillas. Leticia Santos , que manifestou o seu interese por converter ao seu concello no anfitrión deste acto o próximo ano, asegurou que "en Moaña chámase á Policía Local para todo", agradecendo "o traballo diario e o compromiso". Pola súa parte, María Ramallo quixo poñer en valor a "valentía" do corpo, encargado de "gardar a custodia do ben máis prezado: a nosa vida e seguridade» realizando os seus labores «con total e absoluta dedicación".

XUBILACIÓNS. Un momento importante do acto supuxo o recoñecementos aos axentes que este ano pasaron ou pasarán a xubilarse. Así, baixo o lema "por haber cumplido con esmero y dedicación durante todos estos años sus funciones como funcionarios públicos al servicios de la ciudadanía", un total de oito membros da Policía Local do Morrazo recibiron unha placa conmemorativa.

En Bueu recibiron dito obsequio José Pines e Alejandro Domínguez, tras 34 e 37 anos de servizo. En Cangas, tras 35 anos formando parte do corpo da Policía Local, recibiu a placa conmemorativa o axente Manuel Argibay. Fernando Boubeta, Xurxo Casal e Manuel Sobreira foron os homenaxeados en Moaña tras 32, 39 e 35 anos de servizo. No caso de Marín foron os axentes José Manuel López e Andrés Amoedo, con 39 e 36 anos, os que recibiron a placa conmemorativa.

Comentarios