Morre aos 84 anos o padre Marino, ex profesor do San Narciso

Será despedido este luns no santuario dos Milagres de Maceda
O padre Marino, nos anos 80. C.S.N.
photo_camera O padre Marino, nos anos 80. C.S.N.

Os veciños de Marín, a comunidade relixiosa dos Padres Paúles e o Colexio San Narciso amenceron este domingo coa noticia do falecemento do Padre Marino Domínguez Chantrero (natural de Medeiros-Ourense) aos 84 anos.

Marino Domínguez era moi coñecido e lembrado na vila, non só pola súa faceta como docente, senón polo seu papel como fundador, xunto con Antonio Fernández, do grupo tradicional Os Chaneiros, unha banda de gaitas composta por alumnos do centro e que suma, na actualidade, 45 anos de historia, nos quen non faltaron alumnos que acabaron vencellados á gaita para sempre. Precisamente Os Chaneiros foron unha das últimas entidades en homenaxealo, no ano 2014, con motivo do 40 aniversario da fundación. Aquel encontro producírase no santuario dos Milagres de Maceda, onde residiu ata a data da súa morte o que tamén foi profesor durante anos do centros escolar. Tanto a comunidade relixiosa como a educativa, e por suposto, Os Chaneiros, compartiron a triste noticia nos seus perfís oficiais nas redes sociais loubando o profundo sentemento que o Padre Marino puxo en todo o relacionado coa música tradicional e a transmisión da cultura galega. O relixioso será despedido este luns ás 12 horas no santuario dos Milagres de Maceda cun funeral e posterior sepultura.

Comentarios