A localidade marinense conmemorará este xoves o Día Internacional dos Museos coa apertura da nova Sala de Arqueoloxía do Museo Manuel Torres. A inauguración deste novo espazo, que servirá para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico do municipio, celebrarase ás 20.30 horas.
A sala, que se pretende ser un espazo dinámico con exposicións temporais e actividades relacionadas, centrará a súa primeira mostra na temática do mundo romano. Poderanse ver distintas pezas que son testemuña da pertenza de Marín ao mundo cultural galaicorromano pola súa anexión durante séculos ao Imperio Romano e unha serie de paneis e ilustracións como recursos interpretativos.
O piar deste novo proxecto débese ás máis de 500 pezas que forman parte dos fondos do Museo Manuel Torres. Así mesmo, dende o Concello destácase que foi posible levar ao cabo a proposta debido ao tratamento e inventario destes materiais arqueolóxicos, realizado no ano 2021.
Esta Sala de Arqueoloxía foi acondicionada cun orzamento de 10.000 euros ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia para os centros museísticos da comunidade autónoma.