Lunes. 17.06.2019 |
El tiempo
Lunes. 17.06.2019
El tiempo

Nee Barros volve gañar o primeiro premio do Lingua de Namorar

Nee Barros. DP
Nee Barros. DP

O marinense Nee Barros volve gañar, por segundo ano consecutivo, o primeiro premio do certame Lingua de namorar.

As consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, acaban de facer públicos os nomes dos gañadores da sétima edición do concurso de mensaxes de amor en galego.

O xurado, que desta volta presidiu a escritora Ánxela Gracián, concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as 50 máis votadas no concurso en cada categoría, así como unha mención de honra. Para facer esta selección tivéronse en conta o grao de elaboración, a orixinalidade e a calidade lingüística das declaracións de amor presentadas a concurso.

Así, preto de 600 mozos e mozas participaron no certame, ben como concursantes, ben como lectores e votantes das mensaxes. Na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros fíxose co premio coa mensaxe Máis que choiva. O segundo e o terceiro premio recaeron, respectivamente, en Irea Cendán (As Pontes), por Conto contigo, e en Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por Tan guapa.

Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, impúxose Navia Rivas (Boimorto) con Este para min. O segundo premio foi para Darío Rodríguez (Vigo), por Amor diglósico, e o terceiro recaeu en Cándido Paniagua (Xinzo de Limia), por A discusión: corazón vs. cabeza. Nesta categoría o xurado outorgoulle tamén unha mención de honra a María Inmaculada Rodríguez Marqués (Santiago de Compostela), por Escoitei.

Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) e no Portal da Lingua galega (www.lingua.gal/lingua-de-namorar).

Os galardóns serán entregados nun acto público que se celebrará o vindeiro 28 de marzo no concello de Padrón.

Nee Barros volve gañar o primeiro premio do Lingua de Namorar
Comentarios