Sábado. 18.08.2018 |
El tiempo
Sábado. 18.08.2018
El tiempo

As nenas queren ser astronautas, non princesas

Carmen Quinteiro e a súa sobriña Paula, o xoves, durante a performance que fixeron en Bueu. M.A.
Carmen Quinteiro e a súa sobriña Paula, o xoves, durante a performance que fixeron en Bueu. M.A.

A igualdade, fío da performance da mestra e poeta Carmen Quinteiro

Unha nena quere ser astronauta, pero a sociedade corrómpea para que queira converterse na princesa dun conto e que a súa máxima sexa casar cun príncipe e xuntos ser felices. Pero unha muller pode ser obter a felicidade plena sen necesidade de ter un home ao seu carón. Sendo o que ela quere ser, e non o que a sociedade quere para ela. Iso é igualdade.

E así o tentou transmitir o xoves a mestra e poeta Carmen Quinteiro, que acompañada da súa sobriña, Paula Gutiérrez Quinteiro, levou a cabo unha performance na Praza Massó de Bueu dentro do programa da Deputación de Pontevedra, Mulleres en Acción. Violencia Zero. Na súa posta es escena, Quinteiro leu parágrafos de diferentes novelas e contou coa colaboración da guitarrista e cantante Sheila Patricia.

Niños, título da escenificación do xoves, pretende ser unha obra que deixe atrás os estereotipos e que conciencie á sociedade sobre a igualdade, "porque é un dereito, é fundamental. Non se trata dun privilexio que teñamos que agradecer, porque non é un regalo nin unha esmola", comenta Quinteiro. Tamén busca concienciar sobre a infancia, porque a cativada de catro e cinco anos "ten uns estereotipos de xénero tremendos, que se deben romper".

Para Quinteiro existen moitas ataduras que se deben deixar atrás, como os lazos que se lle poñen ás nenas, os xoguetes que se dividen por sexos ou os zapatos de tacón. "Non son querenza natural das nenas, senón que é algo que se impón", apunta.

A deputada provincial, Chelo Besada, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, asistiron o xoves a esta intervención artística que pretende darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Mulleres en Acción. Violencia Zero reúne o traballo de 25 artistas especializadas en pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performances. Todas as participantes teñen vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

As nenas queren ser astronautas, non princesas