Os nenos e nenas do CEIP de Seixo convértense en bombeiros por un día

As brigadas forestais visitaron este venres o centro educativo marinense para impartir unha xornada didáctica sobre prevención de lumes
O alumnado durante a visita didáctica dunha brigada de bombeiros forestais ao CEIP de Seixo. SCT
photo_camera O alumnado durante a visita didáctica dunha brigada de bombeiros forestais ao CEIP de Seixo. SCT

O CEIP de Seixo converteuse onte nunha academia de bombeiros para os máis pequenos. O alumnado do colexio marinense gozou dunha xornada didáctica da man das brigadas forestais da base helitransportada do Campiño, que, acompañados dun axente medioambiental, se achegaron ata as instalacións do centro educativo co obxectivo de concienciar e informar aos nenos e nenas da importancia de coidar os montes da contorna e da prevención dos lumes forestais.

Na visita, que forma parte dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, que estiveron acompañados polos concelleiros do Goberno local Manuel Santos e Marián Sanmartín, así como polos membros da dirección e profesorado do propio centro.

A actividade contou con catro fases polas que os 150 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria foron pasando de xeito rotativo. A primeira das accións, máis lúdica e activa, permitiu que os cativos e cativas se converteran en verdadeiros bombeiros coa realización de probas coas mangueiras e casco reglamentario incluido.

Nenos e nenas durante a charla informativa para coñecer a biodiversidade dos montes. SCT
Nenos e nenas durante a charla informativa para coñecer a biodiversidade dos montes. SCT

Outro dos puntos do día consisitiu na impartición por parte dun dos membros da brigada dunha clase maxistral sobre os diferentes elementos e a biodiversidade que se pode atopar nos bosques. Así, cunha mostra composta por animais disecados, plantas e tipos de follas, madeiras de árbores ou ferramentas para coidar os montes, o alumnado puido adentrarse neste ecosistema e coñecer os riscos nestes entornos e as diferentes prácticas respetuosas co medioambiente.

Tras esta formación, os nenos e nenas volveron á acción co manexo e manipulación de elementos utilizados polos bombeiros forestais para a extinción de incendios, unha actividade da que todos quixeron formar parte para aprender máis do oficio. A cuarta e última sesión tivo lugar no interior do centro, onde a rapazada asistiu a unha proxección audiovisual relacionada coa temática xeral do programa.

Un alumno aprendendo a utilizar unha ferramenta de extinción de incendios. SCT
Un alumno aprendendo a utilizar unha ferramenta de extinción de incendios. SCT

Luis López sinalou que esta trátase dunha "iniciativa que mestura actividades máis divertidas con unha parte, quizais a máis importante, que é de formación". Así, o representante autonómico resaltou a importancia desta labor de "concienciación dos bombeiros e axentes medioambientais, que son os principales sensibilizados coa importancia de coidar os nosos montes e as consecuencias nefastas que teñen os lumes".

Comentarios