Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Non son cabalos, é un coco partido

Público no FICBueu. C.NEIRA
Público no FICBueu. C.NEIRA

Os donos de Sound Troop descubríronlle ao público do Fic segredos dos 'foley artists' encargados de recrear os sons nos filmes

Meter a cinco cabalos ou un tren dos anos oitenta no estudo de gravación ou levar ata diante dun micro dúas campás que pesan centos de toneladas cada unha non parecen as mellores opcións. Incluso semellan non ter demasiada lóxica. Por iso, recrear os sons que lle dan forma a unha película, que a completan e lle aportan coherencia, é un traballo, entre outras moitas cousas, que require de boas doses de enxeño e creatividade.

Ambos ingredientes manéxaos con soltura Miguel Barbosa, artista 'foley' e unha das cabezas pensantes tras a empresa Sound Troop, de raíz galega e proxección internacional, convertida nunha das firmas máis potentes do sector do son dentro do mundo do cine en Europa. A outra persoa que hai tras ela é Diego Staub, mezclador e editor, que consegue, ca técnica que pule cada día entre pistas de audio, facer que a arte de Miguel soe como é debido.

No marco das charlas-vermú formativas do Festival Internacional de Curtas de Bueu, este dúo, responsable dos sons de películas como La reina de España, El desconocido, Julieta, The babysitter ou do corto Matria, proxectado dentro da sección Galicia R do festival; relatou este sábado ante un público atento os segredos que hai tras a creación do ambiente sonoro que consegue darlle veracidade ás imaxes que se proxectan ante nós cando reproducimos unha peza audiovisual.

"O son consegue, en ocasións, chegar a onde a imaxe non alcanza", explicaba Diego na apertura da sesión. "Un artista que está especializado en 'foley' ten que recrear todos os movementos que unha persoa fai nunha peli, porque o 95% dos ruídos que a compoñen están recreados nun estudio". "É curioso pensar que aquí haxa unha persoa gravando ás oito da mañá os pasos de tacón da protagonista dunha película americana", engadía Miguel, que, rodeado dalgúns obxectos que forman parte do seu kit de traballo, incidía na necesidade de estudar moi ben os materiais e os tipos de elementos que se deben utilizar para retratar o máis fielmente posible o son que toca en cada momento. "A maxia está en que todo o que escoitedes sexa o máis realista posible, pero sen que se note o truco", afirmaba.

Lonxe do que se podería pensar, dar ca forma perfecta de adecuar son e imaxe non é, nin moito menos, sinxelo, xa que tamén entra en xogo a parte máis psicolóxica a emocional dos personaxes. "Gravar pode gravar calquera, pero o difícil é chegar a conectar cos personaxes ata ese punto", explica Diego. Ademais, o departamento de son enfróntase a outras dúas dificultades que lle veñen dadas pola realidade da creación dunha película: "Cando o filme chega a son, xa queda pouco tempo, porque se foron acumulando retrasos, e pouco presuposto, porque este foise 'inflando' polo camiño", polo que en moitas ocasións vénse obrigados a traballar a contra reloxo. Normalmente, invisten entre dúas e catro semanas na gravación dos sons dunha película, dependendo da súa complexidade.

Despois de que Miguel fixese unha demostración en directo de como recreou os pasos de Antonio Resines nunha escena de 'La reina de España', Diego fixo un último alegato en defensa da industria: "Facer unha peli é moi arriscado e complexo, para que despois un crítico acabe arruinándoa cunha columna de opinión, e todo o traballo dos que estamos detrás non valeu para nada". Así a todo asumen que son cousas do oficio.

Non son cabalos, é un coco partido
Comentarios