Unha nova vida para o Estaleiro de Purro

O Concello de Bueu e a Deputación reinauguraron un espazo que, tras a súa restauración, "estará con nós para sempre"
Case un cento de persoas acudiron á reinauguración do Estaleiro de Purro. ANXO LORENZO
photo_camera Case un cento de persoas acudiron á reinauguración do Estaleiro de Purro. ANXO LORENZO

O Estaleiro de Purro xa ten unha nova vida. Hai uns anos que se comezou a labrar e a elaborar un proxecto de rehabilitación e restauración dun espazo con moito significado para Bueu. Este venres culminouse ese obxectivo coa reinauguración do espazo, na que participaron, entre outras autoridades, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a alcaldesa de Moaña; Leticia Santos, e a rexedora de Cangas, Victoria Portas, así como membros da corporación municipal buenense.

"Despois dunha longa travesía, por fin podemos dicir que o estaleiro estará con nós para sempre», expresou Juncal durante o seu discurso. Nesa misma liña falou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que clamou que «tódalas historias que naceron neste estaleiro, que marcaron o devir da poboación de Bueu e que agora, tras esta musealización, esperamos que todas e todos poidamos aprender delas".

O acto foi toda unha manifestación cultural, coordinada por dous artistas de Bueu, a poeta Miriam Ferradáns e o ilustrador Luis Davila. Así, arrancou cun recital de poesías no que participaron Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Susana Aríns e Anxo Angueira. Á vez que se declamaban versos, Davila foi debuxando unha obra cuxa elaboración se puido ver en directo. Sheila Patricia foi a encarga de poñer a nota musical ao acto, celebrado na Banda do Río.

Posteriormente proxectáronse dous vídeos que puxeron en valor todo o que supuxo e supón o estaleiro de Purro. Fíxose un percorrido pola súa historia e tamén se puideron escoitar declaracións de Víctor Domínguez, fundador da Asociación de Amigos de Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu e falecido o ano pasado. A parte máis emotiva do acto foi cando Lola González, neta de Manolo Purro, subiu ao escenario para recitar un poema. A inauguración rematou coa descuberta dunha placa no interior do estaleiro e cunha visita.

Comentarios