"Na gran maioría das pezas hai unha enorme vinculación de Marín co mar"

O artista marinense Alberto Lago sacará proximamente o libro-CD Do teu laranxal
Alberto Lago. DP
photo_camera Alberto Lago. DP

alberto lago trompos os pesComo xurdiu a idea de lanzar Do teu laranxal?

Eu dedícome á música tradicional. Gústame moito investigar e saber de onde veñen as cousas. Pensando na copla tradicional de "xa fun a Marín, xa pasei o mar", hai unha anterior que fai referencia a unha laranxa. De aí saíu a idea de poñerme a buscar. A miña intención era recompilar a máxima información posible, tanto en melodía como en coplas que fosen recollidas tanto dentro do concello como fóra, pero que tivesen unha certa vinculación. É dicir, que cantasen a Marín, por exemplo.

Canto tempo leva traballando neste proxecto do libro-CD?

Levo sobre catro anos traballando e buscando, pero é o conto de non acabar nunca. De feito, hai agora poucas semanas que atopei outra canción para incluír, pero un amigo meu díxome que fose parando de buscar, porque se non, non ía rematar nunca (risas).

Atopou moitas pezas doutros lugares nos que se fixesen mencións a Marín?

Realmente en todos os lugares cantan sobre Marín. A relación común que eu lle atopo é que Marín é vila mariñeira, é dicir, hai unha que di, por exemplo, "o cura de Vigo é xastre, o de Marín mariñeiro, o de Ourense afiador, e o de Bando, paragüeiro". Nunha gran maioría das pezas hai unha gran vinculación de Marín co mar. Dentro do noso concello, Xosé Casal Lois, un médico de Pontevedra, xa fixera unha recompilación de 800 pezas, as cales 106 están recollidas en Marín, das que 72 son xenéricas da localidade e 34 céntranse en Ardán. 

Este traballo é o de nunca acabar, porque de feito fai unhas semanas atopei outra canción para incluir 

Que foi o máis interesante que atopou na búsqueda de coplas ou melodías?

Dentro do libro teño unha pequena investigación sobre a canción tradicional O rodaballo, que a letra que se canta agora non ten nada que ver coa que atopei eu. Hoxe en día dise: "nunha lancha de Marín...", pero realmente fai referencia á baca, que é un tipo de barco que tira dun dos extremos das redes. Quixen centrar a investigación nesta canción porque é das máis coñecidas.

Cantas pezas ten o libro en xeral?

O libro ten máis de 200 coplas e melodías ten sobre unhas 70. No CD inclúense dúas versións orixinais de 1902 da Danza de Espadas, e a cantiga Xa fun a Marín, que foros cedidas polo Sergizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. Tamén hai outra peza 1922 da Agrupación Artística de Vigo, que tamén fai unha versión de Xa fun a Marín, pero que mete gaitas e máis instrumentos.

O proceso de recompilación de cancións tan antigas sería complicado...

Dixitalmente pódese mellorar un pouco o son, pero é moi complicado porque cando intentas quitar ruído, quitas unhas frecuencias determinadas e podes eliminar elementos sonoros importantes. Algunhas acaban soando mal.

Á parte de vostede, quen máis participa no CD?

O disco ten oito temas e cinco son interpretados por un grupo de persoas que somos Francisco Pachi Casal, co tamboril; Irene Pazos Lago, voz e pandeireta; Eva Pico, clarinete; Luis Lago, tamén coa pandeireta; Carlos Lago, voz, e eu, coa gaita, a ocarina e o bombo.

Como está dividido o libro?

O libro está divido en tres partes. Unha delas está adicada ás coplas, das que non atopei a música, nas que están metidas as recollidas dentro de Marín e as que están recompiladas de fóra. Eu neste apartado vou detallando en todas as coplas onde foron recollidas, por quen, etc. Tamén hai unha parte na que se fala de melodías recollidas no concello e, por último, un terceiro apartado que eu denominei Outros cantares, no que están incluídas outras vocalizacións, pero que cantan a Marín nalgunha das suas coplas.

Comentarios