As obras de Concepción Arenal e Rúa da Ponte arrancarán a vindeira semana

En total, actuarase en cerca de 2,5 quilómetros de lonxitude co propósito de mellorar a convivencia entre coches e peóns
Un dos tramos sobre os que se actuará. DP
photo_camera Un dos tramos sobre os que se actuará. DP

Dúas das rúas máis céntricas do casco urbano de Marín, o tramo sen humanizar de Concepción Arenal e a Rúa da Ponte, cambiarán a súa fisionomía para que pasear por elas, desfrutalas e poder facer un uso compartido do espazo urbano máis xusto entre o coche e o tránsito peonil sexa unha realidade.

Este proxecto forma parte da estratexia de mobilidade sostible máis ambiciosa auspiciada pola Xunta de Galicia, administración que financia os traballos, para fomentar entre Pontevedra e Marín un eixo común no que se favorezan os desprazamentos a pé e en bici.

En total, actuarase en cerca de 2,5 quilómetros de lonxitude, comenzando o próximo luns polo tramo de Concepción Arenal, onde se entroncará coa parte que xa se humanizou no seu día, aplicando solucións similares: "Haberá unha redistribución dos espazos, para dotar de máis amplitude ás beirarrúas, reordenando o espazo de estacionamento, as zonas de carga e descarga e, por suposto, atendendo ao cen por cen ás esixencias de accesibilidade universal", explicou a rexedora, María Ramallo.

Así, co novo deseño e cando a execución dos traballos remate, contará cunhas beirarrúas máis amplas, nas que se reforzarán puntos de luz (especialmente nos pasos de peóns) e colocaranse novas xardiñeiras, bancos e papeleiras; e un pavimento renovado para o tráfico rodado. Os colectores manteranse no lado dereito ao longo de todo este tamo para facilitar a carga lateral na recollida. A inversión que se realizará entre este tramo que empeza e o da Rúa da Ponte, que será a seguinte fase, ascende a máis de 920.000 euros.

Outras melloras en Marín

O pasado mes de novembro, o Goberno local anunciou as obras de humanización de Jaime Janer entre o cruce de Concepción Arenal e Francisco Landín Pazos. O orzamento previsto inicialmente para este primeiro tramo é de 1,2 millóns de euros e prevé unha ampliación das beirarrúas, creando zonas de estancia e encontro.

Especialmente, dentro do proxecto, é importante a reordenación de accesos e cruces, como que se crea xusto na confluencia con Landín Pazos. Tamén se levarán a cabo traballos de reducción da velocidade de circulación e a renovación de todos os servizos existentes.

Comentarios