Obxectivo: cero residuos no mar

Cada ano, 10 millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos, procedentes da industria, dos fogares e tamén da falta de concienciación nas praias. Por iso, Adega convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias co obxectivo de sensibilizar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. No Morrazo actuarase en sete areais.
Alumnado dos centros de Cangas recollendo lixo nas praias. DP
photo_camera Alumnado dos centros de Cangas recollendo lixo nas praias. DP

Loitar contra a contaminación mariña e concienciar á sociedade é o principal obxectivo que se marca a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) coa súa iniciativa de Limpeza Simultánea de Praias, que esta fin de semana celebra a súa undécima edición.

Precisamente esta iniciativa xurdiu pola problemática que existía nas praias a raíz da contaminación, un feito que se agrava tras a época de verán polo turismo. "Decidimos facer agora as limpezas coindindo co fin do verán, que é cando máis lixo se acumula nas praias, e antes de que veñan os grandes temporais", explica Itziar Díaz, educadora ambiental de Adega e coordinadora das limpezas.

Alumnos do CEIP de Ardán no areal de Lapamán. DP
Alumnos do CEIP de Ardán no areal de Lapamán. DP
O CEIP de Ardán actuou no areal de Lapamán
Seguindo coa súa filosofía e enmarcado no seu proxecto escolar sobre sostibilidade, o CEIP de Ardán foi o único do Concello de Marín que participou nesta iniciativa de Adega. Os alumnos de terceiro a sexto de primaria acudiron á praia de Lapamán para retirar lixo.


Nestas xornadas de concieciación foron chamados a participar e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galicia, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.

Pero nesta undécima edición de limpieza simultánea nas praias os que máis participaron foron os centros educativos. Concretamente, nas sete praias do Morrazo nas que se actuou, en catro delas os traballos correron a cargo do alumnado. "En Adega estamos moi abertos ao tema dos colexios. Son moi participativos xa que é unha actividade que lles encaixa cos seus proxectos", puntualiza a educadora ambiental.

Os centros educativos da comarca involucráronse nesta recollida de lixo, actuando en 4 das 7 praias incluídas na iniciativa

Como son as limpezas?

As limpezas son ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro.

As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo "usar e tirar", a deficiente xestión dos residuos que se xeran e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos.

Voluntario veciñal nas praias de Bueu. DP
Voluntario veciñal nas praias de Bueu. DP
Voluntariado veciñal nas praias de Bueu
As praias da Mourisca e de Ancoradouro, Bueu, foron obxecto desta nova edición das Limpeza Simultánea de Praias. Os traballos foron realizados por un grupo de veciños que ao concluír o día retiraron preto de 37 quilos de lixo e cabichas. Tamén tomaron mostras de microplásticos.


Aínda que visualmente as praias parezan limpas e sen grandes residuos, o lixo está aí. É o caso das cabichas, que segundo indicou Itziar Díaz nas praias "estes reisudos están no top 10 de lixo que se retira. Son elementos que ao ollo non o vemos e entón xa nos parece que non hai nada ao igual que os microplásticos. Co temas das cabichas entra en xogo a falta de concienciación", apunta Díaz, que como exemplo, durante a limpeza da praia de Miño, en A Coruña, na que ela participou durante este venres, retiráronse máis de 1.100 cabichas; "Parecía unha praia limpa".

O principal problema, segundo a educadora, é que "non temos a conciencia de deixar a praia mellor do que a atopamos". Por iso, para Adega son fundamentais este tipo de iniciativas para sensibilizar á sociedade coa contaminación, sobre todo nos areais e no propio entorno mariño.

Alumnado dos centros de Cangas recollendo lixo nas praias. DP
Alumnado dos centros de Cangas recollendo lixo nas praias. DP
Os centros educativos de Cangas retiraron o lixo de tres praias do municipio
Rapazada do CEIP San Roque de Cangas pasaron a mañá deste venres realizando tarefas de limpeza nos areais de Areamilla e na praia do Medio e Congorza. Tamén no propio centro da localidad canguesa, concretamente na praia de Rodeira, os alumnos do CEIP de Cangas participaron nesta iniciativa de Adega, que invita aos centros escolares a colaborar. Este sábado tamén se limpará o areal de San Cibrán, actividade que correrá a cargo da asociación de veciños.


Dende Adega consideran que ademais do propio traballo de sensibilización que realicen como entidade, é fundamental o apoio institucional e a involucración dos mesmos neste tipo de proxectos. "Gustaríanos moitísimo ter máis apoio económico, sobre todo polo tema de ter máis recursos humanos para días como estes. Os colexios, por exemplo, pedíannos que foramos algún de nós para orientalos, pero é imposible porque somos poucos e non temos medios. Somos as persoas que somos", anota Itziar Díaz.

Adega fundouse en 1976 e durante o ano realizan unha serie de campañas e actividades en defensa do medio ambiente.

Limpezas en preto de 30 praias de Galicia
Nesta nova edición da iniciativa Limpeza Simultánea de Praias participan preto de 30 areais e máis de 20 entidades voluntarias. Adega ofreceu asesoramento ás entidades participantes e proporcionaralles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

Na provincia de Pontevedra, ademais das praias da comarca do Morrazo, tamén foron obxecto deste labor as praias de Compostela (Vilagarcía), Terrón (Vilanova), praia do Carreiro e Area da Cruz (O Grove), Paxariñas e Canelas(Sanxenxo) e na praia de Lourido, no Concello de Poio.

Nalgúns dos areais participantes, a limpeza e a recollida de lixo continuará durante o día de hoxe.

Comentarios