miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Ons e Cíes xa teñen máis de 1.100 reservas para a vindeira Semana Santa

Visitantes retiran os billetes para o barco de psaxe á illa de Ons nunha foto do ano pasado. GONZALO GARCÍA
Visitantes retirando os billetes para o barco de pasaxe á Illa de Ons o ano pasado. GONZALO GARCÍA
O Parque Nacional das Illas Atlánticas organizará rutas e diversas actividades de balde para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todas as persoas que o visiten

O Parque Nacional das Illas Atlánticas organizará rutas e diversas actividades de balde durante toda a Semana Santa para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todas as persoas que decidan aproveitar estas datas para visitar algún dos seus arquipélagos.

Cómpre lembrar que os arquipélagos de Cíes e de Ons se poderán visitar de xeito particular en transporte público ata o vindeiro domingo 4 de abril, un período no que a día de hoxe hai xa máis de 1.100 reservas confirmadas. Do mesmo xeito, Sálvora e Cortegada tamén recibirán visitantes, que participarán en percorridos guiados e dirixidos por persoal debidamente acreditado das empresas que realizan estas viaxes.

Ao igual que en anos anteriores, o obxectivo do programa deseñado especificamente para as vacacións de Semana Santa é poñer á disposición dos visitantes todo un abano de recursos que lles axuden a coñecer mellor as illas a través de actividades que, dun xeito ameno, transmitan os valores polos que están protexidas.

Así, as persoas que decidan visitar o Parque Nacional nestas datas poderán apuntarse e satisfacer a súa curiosidade sobre a historia dos arquipélagos, as estratexias de supervivencia da vida natural, a riqueza mariña e a problemática dos plásticos mariños. As accións estarán desenvolvidas por guías do Parque Nacional e tamén haberá outro persoal despregado nas illas para atender e ofrecer información aos visitantes.

Todas as actividades serán de balde e, como único requisito, os interesados terán que anotarse o mesmo día da actividade nas casetas de información localizadas nas inmediacións dos peiraos de Cíes e de Ons.

Prazas. En todo caso, haberá límite de prazas debido á situación xerada polo covid e ás medidas preventivas establecidas, polo que en cada actividade só poderán participar un máximo de oito persoas, máis un guía, e manterase en todo momento a distancia de seguridade entre os asistentes.

Cada día ofrecerase unha serie de actividades abertas a todos os públicos e outras máis específicas dirixidas a un público infantil e familiar. Entre elas haberá rutas guiadas, os chamados Bocadiños de saber (breves encontros onde un guía explica durante 20 minutos unha curiosidade das illas), mesas expositivas do medio mariño e da contaminación por plásticos, e tamén contacontos de temática ambiental.

As rutas terán distintas temáticas: a "Illa de paisaxes", visitando os miradoiros e descubrindo a vida que se agocha nelas; a "Ruta entre mareas", onde investigar como fai a vida mariña para aguantar estar fóra da auga durante a baixa mar; e Un pobo no mar e Unha viaxe do tempo, dúas rutas que desvelan a historia humana das illas. Nos encontros Bocadiños de saber responderase ás preguntas máis frecuentes que adoitan facer os visitantes, como por que a auga está tan fría ou por que a area das praias é tan branca.

Ons e Cíes xa teñen máis de 1.100 reservas para a vindeira Semana...
Comentarios
ç