Optimismo en Bueu pola evolución da campaña extractiva do polbo

Na lonxa bueuesa despacháronse entre xullo do ano pasado e maio deste ano máis de 106 toneladas, o triplo que no período 2020-2021. En toda Galicia comercializáronse 1.700
Un momento da visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, á lonxa de Bueu. ANXO LORENZO
photo_camera Un momento da visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, á lonxa de Bueu. ANXO LORENZO

O primeiro día da campaña extractiva do polbo xa deixaba boas sensacións entre o sector. Un mes despois, as cifras continúan falando de recuperación, estabilidade e optimismo. A última campaña (2021-2022) situouse como a mellor dos últimos anos ao saldarse con máis de 15,5 millóns de euros facturados, uns ingresos que triplican os da campaña 2020-2021, caracterizada por un importante descenso como consecuencia de distintos factores. De feito, as máis de 1.700 toneladas comercializadas nas lonxas da comunidade nese período supoñen máis do dobre que a campaña 2020-2021. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes a lonxa de Bueu, a que máis polbo vende na comunidade galega despois de Ribeira, xunto cos representantes da confraría de pescadores e analizou con eles a evolución desta pesquería nos últimos meses.

Entre xullo do ano pasado e maio deste ano, o prezo medio do polbo, de 9,7 euros o quilo, foi o máis alto das últimas tres campañas en primeira venda. O histórico sitúase na campaña 2017-2018, onde se alcanzaron os 9,93 euros. Estes datos, segundo indicou Quintana, amosan "a boa evolución dun recurso" do que na última campaña a cantidade comercializada duplicou á da campaña 2020/2021. 

Lonxa de Bueu

No caso de Bueu, na pasada campaña comercializáronse máis de 106 toneladas de polbo —case o triplo que no período 2020-2021—, cunha facturación que superou o millón de euros.

O prezo medio situouse no 9,7 euros por quilo, o que representa máis dun 45% por enriba da media histórica e constitúe o segundo mellor valor da serie, superado polos 9,93 euros o quilo da campaña 2017-2018. 

Campaña actual

Nas cinco primeiras semanas da campaña actual, que deu comezo o pasado 4 de xullo, as vendas de polbo nas lonxas galegas foron de arredor de 230 toneladas, cun prezo medio de 8,8 euros o quilo, o que o sitúa como o terceiro máis alto da serie histórica. "Pensamos que as expectativas deste ano van a ser boas, aínda que é moi cedo para facer unha valoración", anotou a titular do Mar. Con respecto ao prezo, "non chega ao do ano pasado, pero esperamos que vaia repuntando segundo se vaia achegando o mes de Nadal".

Dende o sector tamén falan con optimismo da evolución do recurso no entorno mariño. O patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas, invitou a saír ao mar "con cabeciña", xa que en comparación coa campaña do 2020-2021 "hai moito reclutamento este ano. Hai unha barbaridade de polbo pequeno, dos 500 aos 700 gramos, pero hai que deixalo no mar para garantir a campaña do inverno. Aquí as pescas máis imporantes do polbo, cando é máis grande, son durante o inverno".

O dato. 3.000 quilos para a Festa do Polbo
A localidade bueuesa prepárase para celebrar esta fin de semana a vixésimo segunda edición da Festa do Polbo. Segundo apuntou o patrón maior da confraría de San Martiño, José Manuel Rosas, despacharanse durante os tres días de festa máis de 3.000 quilos de polbo. Os visitantes poderán degustar mais de 20 especialidades deste produto.

Comentarios