Os alcumes, as palabras que seguen a marcar xeracións das familias de Marín

Quen é quen recolle máis de 1.000 sobrenomes que identifican ás familias marinenses dende o século pasado

 

Os traballadores do asteleiro de Francisco Santiago 'O Birbiricho'. DP
photo_camera Os traballadores do asteleiro de Francisco Santiago 'O Birbiricho'. DP

Birbiricho, Xeneto ou Fondado son algunhas das palabras que, a primeira vista, carecen de significado para aqueles que non as recoñezan, pero con anos de historia agochados tras de sí para as xentes de Marín. Os alcumes levan xeracións marcando ás familias marinenses ata o punto de que moitas delas deixaron de ser recoñecibles polo seu nome e apelidos. Unha situación que complica a labor de historiadores e investigadores que, para coñecer datos de tipo persoal das xentes da vila precisan de falar coas súas familias.

Unha foto antiga de Marín. DPDesta maneira naceu Quen é quen, un proxecto de Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira enmarcado na súa investigación Memorias de Sal e Terra e que conta coa colaboración de Enriqueta Otero-Mola.

Co seu traballo xeraron unha base de datos veciñal con información recollida de hemerotecas, arquivos e familiares e no que conseguiron recompilar os nomes e apelidos dos veciños da vila, así como da parroquia de Lourizán, un territorio administrativamente pontevedrés, pero cunha cultura e perspectiva económica e social arraigada a Marín, explica Milleiro.

Estas anotacións recollen con quen estaban casados, a que se adicaban, onde vivían e con quen, así como, por suposto, os seus alcumes.

Eduardo Otero, pai da Enriqueta, foi precisamente o primeiro marinense en levar a cabo un rexistro destes identificativos e clasificalos por rúas do municipio no século pasado, un traballo que asentou as bases do que agora supón Quen é quen.

MILES DE PERSOAS. Máis de 22.000 persoas están recollidas nesta base, veciñas e veciños que viviron algunha vez en Marín ou Lourizán entre o 1900 e o 1950, o período de investigación do equipo, "mais recolle información de xente anterior e posterior a estas datas", explica Milleiro.

En total, o documento garda máis de 1.000 alcumes diferentes nun total de 1.300 follas nas que se identifica a cada un co seu nome e apelido. A pesar de todo, aínda quedan máis de 300 coñecidos "dos que apenas sabemos nada". 

Esta base de datos continúa sendo un proxecto en continuo movemento en busca de poñerlle cara aos ancestros das xentes de Marín. As redes sociais son agora o vehículo de acción para o equipo en busca de axuda para recoñecer ás familias de cada alcume. Un traballo que creou unha comunidade online na que todo o mundo aporta o seu grano de area.

Celso Milleiro é un dos encargados de comunicar a través de Facebook os diferentes alcumes que aínda quedan por identificar. Deste modo, decenas de veciños saltan á súa axuda non só para comentarlle se coñecen algún deses nomes perdidos, senón tamén para coñecer a historia dos seus avós ou identificar a veciños en fotos antigas. Repartidos por zonas do municipio e acompañados por fotos de arquivo de Marín, Milleiro fai públicos algúns destes identificativos e enseguida recibe resposta. "Nesta semana identifiquei 23", explica, "e así levo anos". 

A xente non se coñecía por nome e apelidos, senón polos alcumes, que abranguen polo xeral ata tres xeracións

As historias destes alcumes continúan sendo atesoiradas por moitas destas familias, aínda que todavía existen algúns remisos a identificarse co alcume designado décadas atrás, "intuímos que son familias con algún devanceiro cun alcume moi pexorativo", explica.

"Presumiblemente teñamos falado con máis do 50 % das familias de Marín, probablemente incluso moito máis", que permitiron a este equipo cotexar os datos, corrixilos e amplialos, "polo que estamos moi agradecidos". 

O porqué da súa extensión en Marín recae precisamente nas súas raíces mariñeiras. "Os alcumes de Galiza teñen os seus puntos máis candentes na costa". 

A SÚA HISTORIA. A orixe de cada alcume continúa nalgúns casos sendo un misterio. "En Marín, a meirande parte das familias levan os alcumes como un signo de identificación e de orgullo, pese que ao primeiro portador non lle fixera moita graza ao principio". O seu nacemento sempre recae nunha característica especial da primeira persoa en recibilo, ás veces dende cativos.

Algúns destes identificativos son moi populares entre toda a poboación e outros identifican ao ámbito familiar, a un grupo de amigos ou a unha única persoa. "A xente non se coñecía por nome e apelidos, senón polos alcumes, que resultaban máis doados de identificar". 

"Abranguen polo xeral a unha familia nunhas tres xeracións aproximadamente e vanse perdendo co tempo", aínda que en Marín parece ocorrer todo o contrario. Familias como a dos Area, coas súas raíces no barrio marinense da Cañota coñécense entre eles e os seus coñecidos como os Pitillos e, ainda que a historia non está de todo clara, o nome sobreviviu de xeración en xeración, explica a marinense Nuria Area, e perdurará de pais a fillos como un símbolo máis das súas raíces marinenses.

Comentarios