A parroquia buenense de Ermelo réndese á primeira 'Freguifesta'

Manuel Portela e Josefa González recibiron o recoñecemento da aldea polo seu esforzo por manter vivas as tradicións ▶ Varios veciños participaron na recreación dunha imaxe dos anos 60

Recreación da fotografía antiga feita onte na Cruz de Ermelo. ALBA SOTELO
photo_camera Recreación da fotografía antiga feita onte na Cruz de Ermelo. ALBA SOTELO

Os veciños da parroquia de Ermelo rendéronse o mércores á primeira das Freguifestas postas en marcha polo Concello de Bueu. E fixérono participando dunha xornada festiva e emotiva que soubo combinar tradición e innovación.

O arrinque dos festexos foi coa tradicional misa organizada pola veciñanza e a innovación chegou da man da fotografía. A procesión ata a Cruz de Ermelo fíxose a través dunha ruta fotográfica guiada pola fotógrafa buenense Alba Sotelo e o Bardo Abelardo, un xograr medieval que louvou a tradición do Ermelo na súa época de maior esplendor. Unha vez na propia cruz, o roteiro culminou cunha recreación actual dunha instantánea dos anos 60 e na que aparecían de veciños e veciñas da Banda do Río gozando da romaría de Ermelo. Pequenos e maiores quixeron participar nesta novidosa actividade e non dubidaron en posar para a fotógrafa.

O Bardo Abelardo ofreceu unha sesión de contacontos que fixo fincapé na historia e nas tradicións de Bueu

 

RECOÑECEMENTO. Pola tarde tivo lugar o acto de recoñecemento a dous veciños que se esforzaron por manter vivas as festas de Ermelo: Manuel Portela González e Josefa González Juncal. Manuel Portela foi durante dez anos presidente da comisión de festas mentres que Josefa González estivo na última comisión que exerceu na aldea e encargouse de recoller a tradición da súa nai, que sempre fora unha muller activa nestas celebracións con tanto arraigo en Ermelo.

A Freguifesta continuou pola tarde con contacontos para a rapazada da man do Bardo Abelardo, que fixo fincapé na historia, nas tradicións e no coidado do medio ambiente. A música tradicional veu da man do grupo morracense Vento Mareiro Forza 5 que deleitou ao presentes cos seus cantos de taberna.

As vindeiras citas das Freguifestas serán en Beluso o 15 de agosto, en Ons o 18 de agosto e rematarase o 25 de agosto en Cela. O Concello continúa a precisar a colaboración da veciñanza desas parroquias para recompilar fotografías antigas das festas, polo que habilitou un correo electrónico para remitir as imaxes ou pedir información para escanealas: [email protected].

Comentarios