O persoal de Pérez Torres Marítima de Marín mobilízase para reclamar melloras laborais

Desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía no Porto da localidade pontevedresa
Mobilización do persoal de Pérez Torres Marítima de Marín. DP
photo_camera Mobilización do persoal de Pérez Torres Marítima de Marín. DP

O cadro de persoal de Pérez Torres Marítima, empresa que xestiona a descarga de contedores no Porto de Marín, iniciou este mércores unha campaña de mobilizacións para reclamar melloras laborais. Deste xeito, un grupo de traballadores/as desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía, protestas que se repetirán todos os mércores.

Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra explican que a decisión de mobilizarse foi adoptada despois de que a dirección rompese de xeito unilateral as negociacións tras meses de conversas para intentar pactar unha serie de melloras laborais por enriba do convenio colectivo de Axencias Marítimas, convenio que foi denunciado nos xulgados.

Ao mesmo tempo, anuncian que as protestas desenvolveranse no mesmo lugar todos os mércores ata que a compañía acceda a retomar as negociacións co obxectivo de mellorar as condicións de traballo. Por iso durante a concentración despregaron unha faixa rexeitando as imposicións da empresa e berraron consignas instándoa a retomar as conversas.

Comentarios