Os pescadores recreativos poderían acceder aos portos de noite

Portos de Galicia abriu a porta a unha posible colaboración doutras administracións para garantir a vixilancia durante esta práctica
Pescadores deportivos do Morrazo manifestándose en setembro. RAFA FARIÑA
photo_camera Pescadores deportivos do Morrazo manifestándose en setembro. RAFA FARIÑA
Representantes dos pescadores deportivos e recreativos da comarca do Morrazo e do resto de Galicia reuníronse este luns coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, para clarexar o contido da resolución que levanta a prohibición de practicar esta actividade nos peiraos autonómicos.

Nesta xuntanza, na que estiveron presentes Chacho Iglesias, en representación dos pescadores do Morrazo, e Fernando Piñeiro, presidente da Asociación Galega pola defensa da Pesca Recreativa, entre outros, Lenguas reiterou que esta normativa atende a criterios de prevención e compatibilidade entre as actividades portuarias e abriu a porta a unha posible colaboración doutras administracións para garantir a vixilancia noutras zonas dos portos para que puidesen, nese caso, abrirse a esta práctica.

Nesta liña, Iglesias e Piñeiro plantexaron a posibilidade de establecer un horario nocturno para poder pescar, unha posibilidade que podería levarse a cabo sempre e cando "exista un dialógo con concellos afectados, é dicir, que sexan eles os que se encarguen de levar a cabo o tema da vixilancia".

O representante do Morrazo fixo unha valoración positiva da reunión. "Creo que hemos avanzado mucho. Se ha establecido un diálogo con Portos y parece que empiezan a escucharnos. Ahora el siguiente paso sería establecer dónde podemos pescar, pero siempre estará condicionado por los horarios, que no es algo que nos hayan asegurado", explicou Chacho Iglesias.

Iglesias tamén criticou a falta de posición do Concello de Bueu, xa que "todavía seguimos esperando a que nos llamen para tratar este tema desde la movilización que hicimos en septiembre".

MELLORA DO PEIRAO. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, traballa nun proxecto de mellora da accesibilidade para os usuarios dos servizos de pasaxe do peirao pontevedrés de Bueu. O proxecto inclúe a instalación dunha pasarela de uso exclusivo peonil no bordo do cantil. Deste xeito, preténdese separar o tránsito peonil nos momentos de embarque e desembarque de pasaxe da circulación rodada que realiza outro tipo de actividades de carácter portuario.

As actuacións tamén afectarán á contorna da rúa Xoán Carballeira, coa reordenación da zona de contedores e as paradas de autobuses, mellorando a ordenación do conxunto do solo portuario. Este proxecto atópase nunha fase avanzada de redacción e contará cun orzamento estimado de arredor de 100.000 euros.

Comentarios