PineirÓns pide un posto de primeiros auxilios permanente para a Illa de Ons

A asociación, que cada ano fai chegar á Consellería de Medio Ambiente e Parques unha serie de suxestións de cara ao verán, reclama que este servizo repita as condicións do pasado ano
undefined
photo_camera Un dos postos de primeiros auxilios que estivo aberto o verán pasado na illa de Ons. CEDIDA

Un ano máis, a Asociación Cultural PineirÓns volveu a facer unha serie de suxestións e recomendacións á Consellería de Medio Ambiente e Parques en relacións a certos servicios que reclaman que estean activos durante o verán. Unha das demandas máis importantes, e que levan anos pedindo, é que se dote á illa dun posto de primeiros auxilios permanente, un servizo que xa se cubriu o pasado ano, pero que dende a entidade temen que este verán non teña as mesmas características.

"Esta reivindicación pódese dicir que é case decimonónica", apunta o presidente de PineirÓns, Tino Tinón Pardellas, un dos primeiros fundadores da entidade no ano 1988. Pardellas explica que, no comenzo do auxe turístico na illa, a finais dos anos 80, "chegando a estar a illa super poboada nos meses do verán", non había ningún tipo de médico dispoñible na illa, "tan só os que acudían cos campamentos ou aos campos de traballo da Xunta, pero eran exclusivos para eles, aínda que se había algunha urxencia, loxicamente, actuaba".

Non foi ata pasados uns anos, cando Ons comezou a gozar dun servizo sanitario durante a época estival. "A veces viñan e a veces non. O Concello chegou a mandar nalgunha ocasión á Protección Civil para que cubrise esa demanda", indica Pardellas, que precisou que a primeira vez que se empezou a contratar un servizo de primeiros auxilios na illa foi hai case unha década.

"A problemática é que ese posto funcionaba só dende a chegada do primeiro barco ata a saída do último. Quedabamos logo unhas 14 horas sen profesionais sanitarios e facía falta polo que puidese pasar", conta.

O pasado verán, no 2020, foi a primeira vez que o posto de primeiros auxilios tivo uns horarios "axeitados" e que ademais contaba cunha ATS en horario nocturno que estaba "para calquera cousa que puidese ocurrir". Coa satisfacción do servizo do pasado ano, PineirÓns "reclamamos agora que o servizo regrese nas mesmas condicións á Illa de Ons, porque é moi necesario".

Outras demandas ► Plan de Lixo Reciclable na illa 
Outras das demandas máis importantes que fai a Asociación Cultural PineirÓns é que a Consellería organice un Plan de Lixo Reciclable, polo que haxa en cada barrio, por grupo de vivendas, contedores para papel, vidro, orgánicos e, sobre todo, para aceites. 

"Nunca houbo unha boa organización no tema da recollida de lixo. Nun principio o facían dende a Xunta de Galicia, pero agora é a propia xente a que ten que recoller o seu lixo e traelo de volta. Nós fixemos durante uns anos un par de traballos de campo e comprobamos que pouca xente o fai, ao mellor un 10%", explica Pardellas, que indicou que finalmente ese lixo acababa nos locais de hostalería. 

A raíz desta problemática, tamén se solicita a colocación de un ou varios contedores de lixo ao comezo do peirao.

Comentarios