miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

A piscina de Bueu abre as súas portas o luns con preto de 400 usuarios

O vaso da nova piscina municipal de Bueu que acollerá a partir da semana vén aos primeiros usuarios. GONZALO GARCÍA
O vaso da nova piscina municipal de Bueu, que acollerá a partir da semana que vén aos primeiros usuarios. GONZALO GARCÍA
A infraestrutura abrirá ata xuño de forma gratuíta como unha forma de dar a coñecer as instalacións, aínda que nun horario reducido ► A nova construción, un modelo no uso de tecnoloxías eficientes e sostibilidade, tivo un orzamento que superou os 2,7 millóns de euros

O Concello de Bueu abrirá o vindeiro luns a súa nova piscina cuberta de As Lagoas con preto de 400 usuarios, que poderán gozar das instalacións de balde durante un período de tres meses, nos que os horarios serán reducidos e adaptados ás medidas e protocolos covid-19. Deste xeito, ata xuño, a infarestrutura funcionará nun horario provisional, á agarda de que se leven a cabo todos os trámites necesarios para proceder a realizar un contrato de xestión de servizos para os próximos anos.

Precisamente, o Goberno local decidiu abrir a piscina entre abril e xuño de forma gratuíta como unha forma de dar a coñecer as instalacións, ata que posteriormente se licite por un período e cuns horarios máis amplos.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destaca que "quedan uns meses para preparar a documentación completa de cara á licitación da xestión do servizo e a adquisición da maquinaria e do equipamento das salas polivalentes", un proceso que "será longo debido ao cambio que se ten producido na Secretaría Xeral Municipal do Concello".

Horario. Polo de agora, nesta primeira etapa, o Concello contará cos servizos dunha empresa a través dun contrato menor de 38,5 horas semanais, que se repartirán do seguinte xeito: de luns a venres, de 10.00 a 13.00, e de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.30.

El Concello insiste en que "todo estará perfectamente controlado e protocolizado, tanto a asistencia á piscina para nado como as visitas guiadas", para cumprir con todas as medidas de prevención relacionadas coa covid-19.

A nova instalación, que é un modelo no uso de tecnoloxías eficientes e sostibilidade, tivo un orzamento final de 2.710.532,36 euros, achegados integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Reequilibrio (1,5 millóns de euros) e o resto a través de partidas correspondentes ao Plan Concellos para o Concello de Bueu. As obras foron executadas pola empresa Obras y Servicios Sánchez Crespo S.L.

Utopía feita realidade. "Hai cinco anos dixéronme que este era o soño de Bueu, a súa prioridade, unha utopía que había que facer realidade e hoxe estamos aquí; hoxe é o día das veciñas e veciños de Bueu", destacou a presidenta da Deputación no acto de inauguración do equipamento.

Carmela Silva recalcou que se trata dun "edificio non só fermoso, senón un edificio con valores, pensado con cabezas que saben que cando construímos hai que ter respecto polo medio ambiente e, ademais, é unha dotación municipal que achega espazos públicos amplos e de calidade para a xente".

A piscina de Bueu abre as súas portas o luns con preto de 400 usuarios
Comentarios
ç