O Plan Corresponsables ofrecerá a práctica de paddle surf en Aguete

O proxecto, impulsado a través da Federación Galega de Surf, ofrecerá a práctica deste deporte a nenos e nenas menores de 16 anos durante setembro, outubro e novembro
                      Presentación do proxecto.
photo_camera Presentación do proxecto.

O concelleiro de Deportes, Antonio Traba e Guillermo Roca, de Inmua Paddle Surf Aguete, presentaron onte o proxecto impulsado a través da Federación Galega de Surf e que será articulado por esta empresa marinense. O obxectivo é ofrecer á xuventude menor de 16 anos a posibilidade de practicar paddle surf durante os meses de setembro, outubro e novembro.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, que busca fomentar a práctica deportiva e a adquisición de hábitos saudables, coa finalidade de de mellorar a vida cotiá das familias a través dun equilibrio do tempo laboral, familiar e persoal.

Tal e como o explican dende o club, xa dende agosto están levando adiante este proxecto cun gran éxito de participación de nenos e nenas de todas as parroquias de Marín. Seguirá durante os próximos meses con 24 grupos de 8 nenos e nenas, repartíndose de maneira que un grupo terá clases os luns, mércores e venres, mentres que outro grupo terá sesións os martes, xoves e sábados.

A Federación priorizará ás familias en diversas situacións de vulnerabilidade con dificultades

Ademais, de cara á selección dos nenos e nenas que participarán no programa, a Federación priorizará ás familias monomarentais, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos e a unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados, así como o nivel de renda.

Para inscribirse nesta actividade débese contactar co club a través do teléfono 625777297 ou vía o email [email protected].

Comentarios