sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

A Plataforma de Seixo pide "alternativas" para cubrir a xubilación do médico do consultorio

Algúns representantes da plataforma fronte o Parlamento galego. DP
Algúns representantes da plataforma fronte o Parlamento galego. DP
O colectivo criticou que o conselleiro de Sanidade dese "a calada por resposta" ante a pregunta sobre a dotación do servizo de Pediatría e Fisioterapia

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo criticou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola "falla de concreción" con respecto a cubrir de "xeito estable" as xubilacións da profesional de enfermeiría e dun dos dous facultativos do consultorio de Seixo.

No pleno do Parlamento galego celebrado o mércores, ao que acudiron varios representantes da plataforma, o titular de Sanidade repostou a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Paulo Ríos sobre as medidas para garantir o persoal e a asistencia sanitaria digna no Centro de Saúde de Seixo ante o suposto anuncio do Sergas de non cubrir todo o persoal do consultorio de xeito permanente.

"Acudimos a este pleno para escoitar, dunha vez, compromisos claros, pero o Conselleiro non explicou as alternativas que barallan para garantir a contratación do persoal que precisamos. Non nos dixeron como van cubrir a xubilación do facultativo, agora no verán, e cando se vai producir esa cobertura de maneira estable", sinalan desde a plataforma.

Ademais, indican que ante a pregunta de dotar o Centro de Saúde do servizo de Pediatría e Fisioterapia, o conselleiro deu "a calada por resposta. Nin mencionou a posibilidade de dotar o centro de máis servizos, o que nos inquieta, pois significa que non queren desconxestionar o Centro de Saúde de Marín, nin tampouco permitir que o Centro de Saúde de Seixo atenda as necesidades que ten a poboación". O colectivo recordou que "a partir deste xoves 15 quedamos cun só médico".

A Plataforma, que segue amosando a súa "desconfianza" e "preocupación", indica "que non van baixar a garda no verán" e anuncian para as vindeiras semanas a intención de chegar á Deputación e a Valedora do Pobo, "a veciñanza destas parroquias demostramos que queremos un Centro de Saúde en Seixo con persoal estábel e servizos dignos e imos defendelo".

A Plataforma de Seixo pide "alternativas" para cubrir a xubilación...
Comentarios
ç