Marín aproba inicialmente un Orzamento de 14,9 millóns para 2022

O documento económico saíu adiante cos votos a favor do grupo de Goberno municipal ► A oposición, que se mostrou crítica coas cifras propostas, votou en contra das contas
Pleno deste xoves no concello de Marín. S.C.T.
photo_camera Pleno deste xoves no concello de Marín. S.C.T.

A Casa Consistorial de Marín acolleu este xoves unha sesión ordinaria do Pleno da Corporación municipal, presidido pola alcaldesa, María Ramallo, para tratar diferentes puntos do día, entre os que destacou a aprobación inicial do Orzamento Xeral para o exercicio do 2022, que por segundo ano consecutivo tivo lugar no mes de agosto. A proposta ascende a unha cifra de 14.895.099,40 euros, o que supón un incremento do 9% con respecto ao ano anterior.

O concelleiro de Facenda e tenente alcalde, Manuel Santos Costa, definiu o documento como "adecuado á actualidade e un reflexo da realidade do municipio". Desta forma, o edil aseguraba que a intención do Goberno local é "reducir gastos superfluos e dar cobertura a servizos básicos", motivo polo cal nas cifras "non se contemplan investimentos para grandes proxectos en infraestruturas".

O portavoz socialista, Manuel Pazos, arrancaba as intervencións dos grupos da oposición manifestando que, dende o PSOE de Marín, faise "unha lectura preocupada deste orzamento", do cal asegurou que "xa non dá máis, é un desfase económico". Pazos fundamentou o seu desacordo coas cifras propostas no aumento da débeda municipal: "Pasamos de non rexistrar débeda a ter máis de 4,6 millóns de euros", afeando que dende o Goberno local "están gastando cartos que non teñen".

O orzamento medra un 9% con respecto ao exercicio pasado

As críticas da oposición ao Orzamento Xeral continuaron cando a concelleira do BNG, Lucía Santos Omil, tomou a palabra. Ademais da "aprobación tardía" das cifras, a nacionalista manifestou que o documento "non é realista, denota unha falta de iniciativa política". Santos Omil denunciou que "a vila vén sufrindo un retroceso importante", situación provocada por uns "orzamentos continuístas cos que este equipo de Goberno está afundindo Marín".

Tras unha resposta cargada de ironía por parte de Manuel Santos, que defendeu que a razón do documento se atopa nunha "situación de crise e inflación", o pleno procedeu á votación do Orzamento Xeral, que finalmente saiu adiante cos 15 votos a favor do grupo de Goberno e cinco votos en contra dos partidos da oposición.

Máis da metade do Estado e da Xunta 
O Orzamento Xeral, que este ano supera os 14 millóns de euros, supón un incremento do 9,17%, rexistrado no aumento da recadación impositiva. Por outra banda, este débese a unha maior participación recibida cos tributos do Estado e da Xunta de Galicia, parte que se corresponde co 51% da cantidade total do documento. 

No que respecta ás partidas de gasto, o que corresponde a Persoal ascende aos 40,8% do Orzamento Xeral, tratándose dunha contía de 6.082.732 euros. No apartado de gasto corrente, que cubre o 55% da totalidade, inclúense todas a inversións que se realizan dende o Concello de Marín para destinar a servizos de limpeza ou traballos de mantemento do municipio, a mellora dos espazos ou a organización e promoción de actividades, entre outras cuestións.

Comentarios