O Pleno de Bueu aproba unha moción en contra do veto á pesca de fondo

A moción, presentada polo BNG en defensa da frota galega, aprobouse por unanimidade
A Corporación municipal votando a favor da moción do BNG en defensa da frota galega. DP
photo_camera A Corporación municipal votando a favor da moción do BNG en defensa da frota galega. DP

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu o pasado luns unha sesión plenaria na que se aprobou unha moción presentada polo BNG para defender á frota galega fronte ao novo regulamento imposto pola Comisión Europea. A proposta, que solicita á Xunta de Galicia a coordinación do sector marítimo para ofrecer unha resposta unitaria e a colaboración do Goberno central para anular o veto á pesca de fondo, saíu adiante por unanimidade.

O voceiro do BNG, Xosé Leal, foi o encargado de ler un texto que fai referencia aos aspectos negativos de dito regulamento, "que non foi consensuado co propio sector". Tal e como transmitiu o edil, o veto considérase "un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ao impacto derivado do Brexit, ou á aplicación das medidas de conservación e dun regulamento técnico e de control, que viñeron a limitar e dificultar a faena da frota galega".

Leal lamenta que, como consecuencia desta normativa europea, unha gran cantidade dos mariñeiros que Bueu e as demais localidades da comarca de O Morrazo aportan aos distintos caladoiros da pesca de altura "verán mermadas as súas posibilidades laborais nun momento de gran complicación".

A moción insta á Xunta de Galicia para que convoque ao Consello Galego de Pesca co fin de organizar ao sector do mar e ao tecido social galego para ofrecer unha postura unitaria, ademais de solicitar a defensa da frota galega da pesca de fondo en todos os foros. Pola súa banda, ao Goberno central reclámaselle que despregue todas as accións posibles para traballar pola anulación deste regulamento establecido pola Comisión Europea, esixir no inmediato unha moratoria na aplicación do mesmo e establecer medidas compensatorias dialogadas co sector afectado.

Durante o debate, a voceira do PP, Elena Estévez, apuntou que os concelleiros de dito partido votarían a favor "aínda que haxa cuestións da moción coas que non estamos de acordo, xa que consideramos prioritario apoiar ao sector".

Na sesión plenaria celebrada o pasado luns tamén se aprobou, de novo por unanimidade, a Conta Xeral do Concello correspondente ao exercicio do ano 2021.

Conservación da cheminea da fábrica Massó

Na sesión plenaria, o PP presentou unha moción que instaba ao Goberno local a realizar un estudo das gretas que presenta a cheminea da antiga fábrica de Massó, ademais de adoptar as medidas necesarias para garantir a súa integridade.

O concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, recordou que este é "un ben de titularidade privada, polo que non podemos actuar sobre ela". Nesta liña, o edil do PSOE, Jsoé Manuel Vilas, insistiu en que dito elemento "está nun sitio público e habería que facer algo no caso de que supoña algún problema para a seguridade". 

Dende ACB, o edil Julio Villanueva interveu para apuntar que a cheminea "é un símbolo fascista que representa a un dos maiores caciques da vila". O alcalde, Félix Juncal, asegurou que "se hai situación de risco, dende o Concello advertiremos á propiedade cunha orde de execución".

A moción non saíu adiante, pois contou cos votos a favor do PP e PSOE, e a posición en contra do BNG e ACB.

 

Comentarios