Durante a sesión plenaria da Corporación de Marín aprobouse a Declaración Institucional polo 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero, que se lerá no acto do propio día. Ao longo da próxima semana, o Goberno local avanzará máis detalles da programación.
Con respecto ao documento, realizouse con propostas do Consello Municipal da Muller e nel ponse de relevo a "constante vulneración dos dereitos básicos das mulleres. Este ano en España foron asasinadas 52 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. Estas cifras non se superaban na mesma data dende o ano 2010".
Na declaración fanse públicos os casos activos no sistema de VioXen da Policía Nacional, que é de 43, mentres que na localidade 18 mulleres dispoñen dun teléfono de atención e protección 24 horas. Con esta declaración, na que tamén se recorda a existencia da violencia vicaria, que este ano xa deixou dous nenos asasinados, a Corporación municipal asume "o noso compromiso real na loita contra a violencia machista. Manifestamos abertamente o noso rotundo rexeitamento e comprometémonos a mobilizar os recursos necesarios para abordar a violencia de xénero con actuacións responsables, apoiando iniciativas efectivas para conseguilo".
ASEOS. O Pleno da Corporación debatiu na sesión deste xoves a posibilidade de contar con aseos públicos autolimpiables para ofrecer este servizo á cidadanía. A moción foi presentada polo BNG ao considerar que é unha iniciativa "encamiñada á mellora da accesibilidade, seguridade e comodidade alentando o deseño de espazos urbanos inclusivos".
A proposta do BNG contemplaba a instalación de dous aseos públicos autolimpiables, un deles equipado para persoas ostomizadas. A localización principal que se propuxo foi a do Paseo Alcalde Blanco, mentres que a localización do segundo podería ser nos arredores da Praza de Abastos, o Parque Eguren ou a Alameda Rosalía de Castro.
Esta moción, na que se propuña aproveitar o novo Plan + Provincia da Deputación como fonte de financiamento, foi rexeitada polo Goberno local porque "a xestión e o bo funcionamento deste tipo de instalacións non soen ser a tónica habitual". Tal e como explicou a concelleira Itziar Álvarez, "Marín xa contou en varias ocasións con aseos públicos, concretamente na zona do Paseo Alcalde Blanco, onde a moción propón habilitar un, ou na Finca de Briz ou incluso os das praias. A problemática coa que se atopa o Concello é con moita frecuencia de mala praxis, destrozos, roubos, ocupacións indebidas, etc... o que complica enormemente o mantemento das instalacións e mantelos nunhas condicións óptimas de hixiene".
Desta forma, a opción escollida foi xestionar estos espazos en colaboración co local concesionado na zona, que dá acceso público aos mesmos no tempo no que está aberto o local. Este é o caso dos aseos da finca de Briz ou os aseos do Paseo Alcalde Blanco.
No caso dos aseos das praias a apertura e peche é realizada polo servizo de socorrismo. "Esta é a única maneira na que se consegue un control das instalacións, xa que de non ser así os destrozos e roubos eran constantes", engadiu Álvarez.
Aproveitando que se tratou este punto, o Goberno local reforzou o seu compromiso con conseguir a accesibilidade universal dos aseos en instalacións e concesións públicas a todas as persoas, para que sexan inclusivos. A concelleira tamén adiantou que neste caso do Mercado existe un proxecto para a reforma integral dos aseos e xa está solicitada a súa financiación.