"Os poemas que están adicados ao meu avó non os recitei xamais porque non son capaz"

O falecemento de dous seres queridos, a chegada doutros novos e o paso do tempo dende a nenez ata a adultez en forma de poemas compoñen 'Punto e coma', o primeiro libro do mestre e poeta Aarón Franco. O Museo Manuel Torres acollerá este venres ás 20.30 horas a presentación do poemario, que xa está á venda
O poeta marinense Aarón Franco. DP
photo_camera O poeta marinense Aarón Franco. DP

No 2007 o marinense Aarón Franco somerxeuse de cheo na poesía como un proceso de sanación persoal. Deses primeiros versos xurdiu Punto e coma, un poemario autobiográfico composto por máis de 52 poemas.

Que é Punto e coma, o poemario que presenta hoxe en Marín?
Punto e coma, que é o título do libro e que vén dado dun dos poemas que marca un punto de inflexión dentro do poemario, non deixa de ser un exercicio en parte autobiográfico a través da lírica que o que vén narrando son determinadas circunstancias que se van dando ao lango da vida de un. O poemario en si mesmo o que significa é a superación e, en determinadas circunstancias, a aceptación do que a un lle toca vivir e saber que ten que continuar aínda convivindo con ausencias, pero levando sempre na memoria todas aquelas marcas que nos foron configurando ao longo do tempo.

Esta é a súa primeira publicación. Por que optou pola poesía e non pola prosa, coma por exemplo unha novela?
Escribo poesía dende hai moito máis tempo e foi o primeiro que escribín na miña vida. Algúns poemas que están inmersos no libro están escritos en tempo real. O capitulo titulado 'Pedra' contén composicións que foron tomando forma na súa grande maioría en circunstancias que se estaban dando no momento e así as plasmaba. O estilo co que comecei a escribir alá polo 2007, seguindo unha orde cronolóxica, era o axeitado.

Fala do poemario como un punto de inflexión. Que diferenzas hai entre o Aarón de antes de escribilo e o de agora?
Posiblemente, a principal diferenza é o cumprimento dos medos que se manifestan no primeiro capítulo, chamado 'Pánico'. Nesas primeiras poesías, o que manifestaba era o medo á perda dos seres queridos e dos que están ao teu redor e seguramente o que cambia é o que vén no segundo ou terceiro capitulo, que é o cumprimento desas fatalidades e a dor, acompañada por esas perdas. O que muda é a percepción respecto da morte, que cambia dende unha visión tráxica, máis adolescente nese momento, a un proceso agora de convivencia coa dor pero coa aceptación como algo inevitable do que non podemos fuxir.

Como foi o proceso de composición do poemario?
Todos os poemas que teño escritos veñen dende o 2007. Houbo un proceso no que houbo moitos descartes e tamén se incluíron moitos que non pensaba que entrarían. Incluso un entrou durante a maquetación do poemario. Pero realmente o proceso de escritura do libro é de 17 anos.

"O poemario en si mesmo o que significa é a superación e a aceptación do que a un lle toca vivir"

E cando decide que todos eses poemas que escribiu durante case dúas décadas saísen á luz en forma de poemario?
Quería rematar ese proceso de sanación persoal con eses versos de Luz Fandiño que saen na primeira páxina do libro ("Quero sangrar as feridas/ Para liberar as miñas arterias"), pero para min tamén é importante a publicación do libro ao ser un acto de homenaxe, especialmente para o meu avó e a miña nai.

Pódese dicir que a publicación de Punto e coma lle axudou persoalmente...
Absolutamente. E vaime seguir axudando. O outro día durante a presentación en Pontevedra decateime de que hai poemas que teño castigados e moitos son dos máis vellos. Os poemas que están adicados ao meu avó non os recitei xamais, porque non son capaz de facelo, pero durante a presentación si que se recitaron a través doutras persoas e iso axudoume. Os actos de presentación do libro tamén van supoñer un proceso de sanación ao 100%. Hai cousas que aínda están por superar e hai poemas que aínda non son quen de recitar.

Comentarios