O Polbo da Ría e o viño Tinta Femia terán o seu espazo no SonRías

O 2 de agosto o festival incluirá unha cata para todos os asistentes e o día seguinte haberá unha degustación

La Casa Sonrías en la pasada edición
photo_camera A Casa Sonrías na pasada edición. DP

A primeira fin de semana de agosto, Bueu convertirase no "Destino SonRías", cunha completa proposta de ocio festivo que inclúe a programación musical da 17ª edición do Festival SonRías Baixas e o tradicional turismo de sol e praia, combinado con tres rutas de sendeirismo pola zona, coa enoloxía e coa gastronomía da costa galega, da man da Festa de Tinta Femia e como un anticipo da Festa do Polbo da Ría, que celebra na vila a súa XX edición unha semana máis tarde.

A organización do SonRías Baixas, que na súa pasada edición conquistou a máis de 21.000 persoas de toda a península e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, abre o festival a todas as persoas "que queiran gozar dunha experiencia cultural completa, na que a música actúa como fío condutor, pero que recolle tamén os múltiples atractivos da nosa costa", indican os promotores desta cita musical buenense que xa traspasou fronteiras.

Así, tal e como recolle o vídeo promocional difundido o luns polas redes sociais, os miles de persoas que se acheguen ao "Destino SonRías" poderán saborear o Polbo das Rías, protagonista do menú do festival; catar o viño Tinta Femia, nunha singular experiencia enolóxica; explorar o Morrazo e as súas paraxes, a través de tres rutas de turismo activo; gozar das praias da localidade; e, por suposto, explica a organización, "escoitar nos tres días que durará o festival 19 bandas, máis ca en ningunha das anteriores edicións, distribuídas en tres escenarios: Super Bock e Fest Galicia, no recinto da Estacada, e Regala Música, nas inmediacións da zona de acampada".

Así, o venres 2 de agosto ao mediodía, o Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como Estaleiro de Purro, acollerá unha cata de viño Tinta Femia dirixida polo vicepresidente da Asociación Gallega de Sumilleres, Antonio Portela. As persoas que estean interesadas en coñecer de primeira man as principais características deste viño poden inscribirse a partir deste mércores, de xeito gratuíto, nesta actividade, organizada en colaboración da Festa do Tinto Femia, a través da web do festival.

O día seguinte, tamén ao mediodía, a Casa SonRías abrirá as súas portas, un ano máis, no Recinto da Estacada, co polbo da ría como protagonista absoluto. Cociñeiros da contorna ofrecerán hamburguesas, croquetas, pizzas e empanada a partir deste produto local e, sobre o escenario Fest Galicia, a galega SÉS e máis dunha banda sorpresa porán o ramo a esta singular casa de comidas musical.

Comentarios