Sábado. 18.08.2018 |
El tiempo
Sábado. 18.08.2018
El tiempo

O Polbo á feira continúa sendo o rei da festa

Imaxe da Festa do Polbo de Bueu. M.A.
Imaxe da Festa do Polbo de Bueu. M.A.

Hai preto de 20 especialidades diferentes do cefalópodo, pero os asistentes á Festa do Polbo de Bueu son tradicionais na súa escolla

Din que o ser humano é un animal de costumes. E, ben pensado, se a costume é boa, por que cambiala? A Festa do Polbo de Bueu ofrece aos seus asistentes preto de 20 especialidades diferentes nas que o cefalópodo é o protagonista, mais o rei da festa segue a ser o polbo á feira. Unha receita sinxela, na que só se precisa do polbo cocido ao que se lle engade aceite, sal e pemento.

Así o confirmaron este sábado as persoas que despachaban as comidas no recinto da Estacada, onde dende o venres e ata o domingo, haberá polbo para todos os visitantes. "Este ano está tendo moita saída o polbo á prancha, frito, en brocheta e tamén o que temos en pan de hamburguesa, que leva tomate e queixo, pero segue reinando o polbo á feira", comentaba un dos traballadores. Para os máis pequenos da casa, as familias soen escoller dúas especialidades máis innovadoras: as croquetas e a pizza.

Centos de persoas visitaron este sábado a vila de Bueu para saborear un produto típico da Ría de Pontevedra con elaboracións pouco habituais. No despacho de Rosa dos Ventos ofrecen cinco variedades de polbo a un prezo de seis euros: empanada, croquetas, con arroz, con fabas ou en paté, e catro por dez euros: á prancha con cachelos, frito en Aires de Jaén, á feira ou en caldeirada. Pola súa banda, en O Rincón de Cela pódense probar dúas variedades de empanada, croquetas ou unha sobremesa por seis euros, mentres que por dez o comensal poderá degustalo á feira, á prancha, en caldeirada, sobre pizza ou en brocheta.

ANIMACIÓN MUSICAL. Os comensais foron chegando paulatinamente ao recinto da Estada para o xantar, que contou coa animación musical do dúo Voodoo. Á hora da cea agardábase unha maior afluencia de xente, "porque é moi habitual que veñan cear logo da xornada de praia", indicaban dende a organización.

O domingo a xornada comezará ás 12.00 horas con pasarrúas a cargo de Retrouso e unha sesión vermú. As carpas abrirán de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas. O fin de festa virá da man dos Cantos de Taberna, que comezarán ás 20.30 horas.

O Polbo á feira continúa sendo o rei da festa