Pontón celebra os 15 anos de Goberno de Juncal en Bueu, que di que se volverá a presentar

O alcalde anunciou que tras un periodo de reflexión volverá a escoitar as demandas dos cidadáns para liderar un novo proxecto
Ana Pontón no acto celebrado este domingo en Bueu. R. FARIÑA
photo_camera Ana Pontón no acto celebrado este domingo en Bueu. R. FARIÑA

Quince anos non son un gran lapso de tempo pero, se se trata de poñer en marcha cambios, poden dar para moito. Deste xeito presentou o alcalde de Bueu, o nacionalista Félix Juncal o resumo dos seus tres lustros de mandato no concello bueuense, nun acto no que contou coa presencia da portavoz nacional do partido, Ana Pontón, quen enxalzou o labor do Goberno local deste Concello e o seu poder transformador para mellorar a vida das persoas.

Nun acto en clave preelectoral, Félix Juncal, que ademais este domingo cumpría 54 anos, explicou que con estes tres lustros de mandato, o Goberno que el preside pode dar por "pechado un ciclo" no que se pasou de "coller unha localidade na que imperaba a desesperanza e o escepticismo" e no que "todos os indicadores nos situaban por detrás dos demais concellos" a traballar nun municipio que dá boas "mostras de crecemento", aclarou este domingo, ante de anunciar que "coa mesma humildade coa que me dirixín hai 15 anos aos veciños, volverei a eles para escoitalos, coñecer as súas ideas e iniciar un novo proxecto no que se conteñan as liñas nas que a cidadanía quere avanzar".

Sen saltar os procedementos do partido, que aínda non iniciou a designación de candidatos, Juncal si que avanzou que "despois dunha profunda reflexión, tamén a nivel familiar e de partido, estou preparado non só para ser candidato senón para liderar un novo plan transformador que pode estenderse varias lexislaturas".

O alcalde contou co aplauso de simpatizantes e afiliados e de Pontón, quen ademais de falar do labor dos nacionalistas fixo un amplo repaso ao panorama actual censurando aos grandes partidos por non atopar solucións efectivas que lle eviten á cidadanía os custes das crises actuais.

Comentarios