O PP rexeita os Orzamentos Xerais do Concello de Bueu do exercicio 2021

O documento aprobouse este martes de forma definitiva cos votos a favor do grupo de Goberno
O grupo de goberno de Bueu, este martes, votando a favor dos Orzamentos Xerais. DP
photo_camera O grupo de goberno de Bueu, este martes, votando a favor dos Orzamentos Xerais. DP

A corporación municipal bueuense celebrou na mañá deste martes un pleno extraordinario no que se aprobaron de forma definitiva os Orzamentos Xerais do Concello de Bueu, con votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), en contra do Partido Popular e a ausencia de PSOE.

Ao igual que sucedeu na sesión celebrada o pasado mes de outubro, na que se aprobou inicialmente o documento, o alcalde, Félix Juncal, e a portavoz do PP na vila, Elena Estévez, protagonizaron un exaltado debate no que a popular recriminou principalmente a desestimación das alegacións presentadas durante o período de exposición pública tras o seu anuncio no Boppo.

O Partido Popular reclamou neste periodo a creación dunha partida para realizar un plan especial do solo urbano, así como o aumento da destinada a urbanismo para mobiliario e enseres para cubrir necesidades da vila. Tamén os populares pediron a creación dunha partida para o ensanche de pista e camiños públicos.

A propia portavoz do partido, Elena Estévez, tamén presentou unha alegación na que se reclamaba a subida da partida de promoción cultural, premios e becas para que os Premios Johan Carballeira conten cunha dotación económica de 3.000 euros cada un. O persoal municipal, sindicatos e veciñanza tamén presentaron outras catro alegacións.

Baseándose no informe do Interventor, o Concello desestimou as alegacións ao non cumprir cos motivos recollidos na lei. Nesta liña, Elena Estévez criticou que non se tivesen en conta as súas aportacións para elaborar o orzamento e que "parece que nada do que se presenta é aproveitable para este goberno". A portavoz popular, ademais, recordou que nalgunhas das propostas o goberno local "se ten manifestado, como é no caso dos Premios Johan Carballeira. O edil de Cultura manifestara nun acto que si que se ía subir a dotación. Ao final todo queda en nada".

Estévez criticou ao goberno local que "un documento tan importante se traia xusto cando está a piques de rematar o ano, o que demostra falta de previsión" e indicou que moitos municipios da contorna "xa están elaborando os borradores do Orzamento do 2022". Juncal apuntou que se trata dunhas contas "que se aproban agora por prudencia, para ter o máximo de información e que os orzamentos se axusten á realidade" e que dos tres concellos que conforman a Mancomunidade do Morrazo "somos o único que non ten débeda financeira, polo que algo estaremos facendo ben".

No pleno tamén se aprobou o cadro de persoal deste ano, sobre o que o rexedor apuntou que "na última década avanzamos moito na mellora das condicións laborais do persoal municipal que tratamos sempre nas mesas xerais de negociación, e que culminarán coa posta en marcha da Relación de Postos de Traballo (RPT)".

Máis de 6 millóns en ingresos
O orzamento ascende a 6.575.000 euros no capítulo de gastos, e 6.623.301 euros na parte de ingresos, na que se atopan diversos impostos e taxas municipais, así como subvencións doutras administracións como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra. Nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias, etc.

Comentarios