Preocupación en Bueu pola campaña do polbo: "Foi un tanto peculiar e escasa"

A veda comeza este venres tras un ano marcado pola baixada de prezos ►A covid-19 condicionou totalmente un exercizo no que as pezas de máis de dous quilos se desplomaron ata os sete euros

 

Co novo plan, as nasas poderán permanecer no seu caladoiro. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Co novo plan, as nasas poderán permanecer no seu caladoiro. RAFA FARIÑA (ADP)

A partir deste venres comezará en Galicia a veda do pulpo, que rematará o 1 de xullo. O inicio deste período serve como sinal de fin de campaña, que este ano estivo marcada pola crise sanitaria da covid-19 e pola escaseza do produto, provocada polas condiciónclimáticas a comezos de 2020, dúas situacións que levaron á caída dos prezos.

O período de veda do polbo –que vai dende as 16.00 horas do venres ata as 5.00 horas do 1 de xullo– significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Con todo, o inicio da veda, este ano, non vén acompañado con bos resultados da campaña. José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu fai un balance moi negativo da tempada do polbo desde ano. "Foi un tanto peculiar e máis ben escasa", describe. Antes da pandemia da covid-19, os polbeiros de Galicia non estaban tendo bos resultados á hora de saír ao mar a polas pezas. O mal tempo provocou complicacións nas capturas, xa que apenas había produto, un feito que "dentro da normalidade relativa xa ten ocorrido noutros anos, pero non foi unha campaña demasiado abundante".

Tanto polo mal tempo como pola pandemia "déronse unhas circunstancias un tanto especiais". Rosas explica que "con respecto ao mal tempo, foi un ano moi duro e logo chegou a covid-19 para rematalo todo. En conclusión foi unha campaña mala sobre todo a nivel de rendemento económico".

O peche da hostalaría e a restauración golpeou fortemente ao sector do mar, xa que gran parte dos productos da pesca, como o marisco, o polbo ou algunhas especies de peixe só teñen saída nos restaurantes, xa que non son produtos de consumo habitual nos fogares. Este feito provocou un desplome dos prezos. Por norma xeral, as grandes pezas de polbo (de máis de dous quilos) teñen un custe de cerca de 12 euros, mentres que durante o confinamento "baixou cerca de tres euros. Incluso algunha peza das máis grandes vendémola a sete euros e pouco", detalla o patrón maior de Bueu, que é consciente de que "o peche da hostalaría foi o que ocasionou esta situación, xa que é a gran consumidora de polbo".

A pouca saída das grandes pezas provocou que as máis pequenas –de ata un quilo e dun a dous quilos– "comezasen a saír máis caras que as grandes. Houbo algún día no que se tivo que vender na lonxa a 8 euros".

ESCASEZA. "Estaba habendo moi pouca pesca e por ese motivo a xente non traballou ao 100%, tamén polo tema da pandemia. A pesar de todo podíamos saír con normalidade, pero saíase de dous en dous días porque non había suficiente cantidade", anota José Manuel Rosas.

Nos últimos meses a escaseza das pezas ocasionou que a gran maioría dos días os pescadores non fosen capaces de capturar máis de 200 quilos de polbo, unha cifra que se afasta moito das doutros anos, nos que houbo días nos que se vendían cerca de 5.000. "Os quilos reducíronse alarmantemente", puntualiza el patrón buenense.

Agora os polbeiros contemplan o futuro con preocupación. "Un mes pasa moi rápido e hai que ver como se vai a comportar o mercado porque de calquera xeito hai moito produto almacenado destes dous meses de peche dos restaurantes", explica Rosas.

A pesar desa preocupación e desa incenteza, o próximo 1 de xullo, co fin da veda, "volveremos saír ao mar e coincide tamén con que os restaurantes xa están retomando a súa actividade". Aínda así, o patrón maior de Bueu continúa insistindo en que "hai que estar atentos ao comportantamento do consumo. Vai ser un ano moi peculiar, con respecto ao verán non sabemos se teremos ou non turistas que veñan ao pobo e consuman normalmente".

Toda esta situación "foi un pau moi negativo para o sector dos polbeiros de Galicia", resume o buenense, consciente tamén de que as asociacións de marisqueiros "van quedar moi resentidas", porque todo o produto destes meses non tivo saída "porque son pezas que nunha casa normal non se consumen".

O plan 2020-2021 entra en vigor o 1 de xullo
A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén.

Segundo establece este plan, a partir do día 1 de xullo ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura da especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádense 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, aos que se engaden 50 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas– e finalizará ás 16.00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16.00 horas do venres ata as 06.00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes e a bordo.

Comentarios