lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Presentadas as bases polas que se regula o Espazo de Innovación Alimentaria

Zona do Espazo de Innovación Alimentaria na súa inauguración.
Zona do Espazo de Innovación Alimentaria na súa inauguración.
O centro está situado nas instalacións do Parque Azul de Marín e conta cunha aula gastronómica e de showcooking, entre outras zonas

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) deu a coñecer as bases polas que se regula o Espazo de Innovación Alimentaria, situado no Parque Azul de Marín. As mesmas teñen por obxecto a regulación do funcionamento deste espazo, co que se quere "atraer de xeito importante o emprendemento á nosa vila", establecendo o procedemento de adxudicación de espazos, a relación entre os cesionarios e o órgano de xestión do EEIA, a normativa de réxime interno, e o réxime económico.

Está situado nas instalacións do Parque Azul, con acceso dende o casco urbano da vila e conta cos seguintes apartados: aula gastronómica e de showcooking cunha superficie de 85,83 m2 e tres despachos independentes. Espazos a maiores, unha sala de reunións e baños totalmente equipados.

O obxectivo principal da implantación deste espazo é o de dar ao Concello de Marín a posibilidade e o impulso necesario para responder a unha demanda das empresas de toda a provincia nun lugar inmellorable e coa mellor comunicación posible.

Ademais, a posta en marcha do EEIA por parte do Concello (e xestionado por AJE) ten, entre outros, varios obxectivo, como por exemplo o de favorecer a promoción das empresas do sector alimentario e dos produtos locais facilitando o espazo do EEIA para demostracións de produtos innovadores, showcookings, e diversas actividades que poidan xurdir da asociación coas empresas; servir como espazo formativo especializado no sector da alimentación; e contribuír á creación, impulso e consolidación de novos proxectos empresariais.

Por outra parte, os servizos que porá a disposición dos beneficiaros serán o de información e asesoramento en temas de emprendemento; servizo de limpeza e mantemento; iluminación; climatización; liña telefónica e conexión a internet; e o uso das zonas comúns.

Neste senso, e a efectos de control interno, os cesionarios deberán solicitar ao órgano de xestión do EEIA, a utilización dos espazos de uso común.

O obxectivo da EEIA é funcionar como un proxecto aberto, dinámico e innovador, no que se cren sinerxias económicas e sociais con institucións, asociacións ou entidades de diversa índole que teñan influencia na área comarcal e que poidan atopar neste espazo unha oportunidade de negocio e de creación de novas ideas empresariais no ámbito alimentario.

Para coñecer a fondo os requisitos tanto para ser cesionario do centro coma a capacidade así coma as solicitudes necesarias e os baremos para poder optar a un dos postos do EEIA, consultar na páxina web da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. A atracción de iniciativas de emprendemento está a ser unha máxima do traballo na AJE.

Presentadas as bases polas que se regula o Espazo de Innovación...
Comentarios