O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverá entre o 10 ata o 12 de novembro. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas deste ano, para unhas festas diversas e interexeracionais, que se concentrarán na carpa situada en As Lagoas.
A edil de Cultura, Carmen García, explicou que "se trata dunha festa con eventos variados e amplos dos que poderán gozar todos os públicos, como xa vén sendo habitual". O programa está organizado coa colaboración da Deputación e coas Anpas do municipio, o Club de Atletismo Corredoiras e a Asociación Cultural Santos Reis.
O programa arrancará o venres 10 de novembro coas principais novidades da festa, un coloquio a cargo de Manuel Aldao ás 18.30 horas na igrexa de San Martiño e unha foliada aberta na carpa das Lagoas, para a que se abrirá boca ás 22.30 horas cun concerto de Mediarea.
O sábado, coincidindo coa festividade de San Martiño, a xornada abrirase ás 11 horas polas rúas da vila con animación a cargo da charanga Noroeste. Ás 12 horas serán os oficios relixiosos na honra de San Martiño e pola tarde haberá xogos populares e inchables de balde, que volverán a abrir o domingo. Ás 17.00 horas arrancará a tradicional XXVI Carreira de San Martiño.
Será na xornada dominical, na que se honrará tamén a San Roque, cando se celebre o magosto popular nas Lagoas. Haberá música e tamén reparto de castañas de balde. Tanto o sábado como o domingo haberá verbena ás 21.00 e 20.30 horas, respectivamente, que correrá a cargo de Orquesta Triunfo –á que lle seguirá un DJ– e Grupo Tic Tac.