A proxección de 'Faro Violeta' marca o inicio da I Mostra de Cine de Marín

O evento, antesala do John Balan Fest, comezará hoxe ás 19.00 coa proxección da longa documental da verinense Iris Justo
Un momento da presentación do John Balan Fest, en novembro de 2022, no Café Cine Pontevedra. BEA CÍSCAR
photo_camera Presentacion festival de cine John Balan Fest en el Cafe Cine Pontevedra Aldara. BEA CÍSCAR

O Museo Manuel Torres será o escenario dende este venres da I Mostra de Cine de Marín, antesala lo John Balan Fest, un novo festival audiovisual que nace na comarca do Morrazo e que se organizará o próximo verán no municipio marinense.

Coincidindo co 25-N, a primeira peza que se proxectará dentro do programa da Mostra será Faro Violeta, unha longa documental que trata de concienciar sobre a realidade da prostitución e a explotación sexual de mulleres e nenas. A súa creadora é a verinense Iris Justo, que conta cunha candidatura aos Premios Goya 2023 pola súa participación como directora de fotografía no filme El Tirabeque. A proxección será a partir das 19.00 horas.

A Mostra de Cine continuará o sábado a partir das 12.00 horas coa curta documental Augas Abisais de Xacio Gómez e gañadora do Mestre Matero 2022. Esta obra explora a vida dun parente do mesmo director no contexto da Guerra Civil española, para rematar co rescate dunha historia esuqecida polo paso do tempo. A continuación proxectarase a curta de ficción O que queda de nós, producida por alumnado da Universidade de Vigo e que conta coa participación da actriz local Mayka Braña, que ademais estará presente durante as proxeccións da mañá. Esta curta foi recoñecida en diferentes certames arredor do mundo.

Pola tarde, será o turno de Negro Púrpura (19.00 horas) e Devolvendo o Golpe (20.30 horas) de Carlos Prado. O realizador e xornalista marinense será o encargado de pechar a xornada de actividades cunha pequena charla co público.